Skip to main content

Red.es e Xunta colaboran co sector hotelero para aumentar as reservas online

O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través da entidade pública empresarial Red.es e en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia para Modernización Tecnolóxica, organiza en Lugo, Santiago de Compostela, Ourense, A Coruña, Vigo e Sanxenxo unha rolda de talleres formativos sobre canles online de promoción e comercialización, dirixido a pemes hoteleiras e aloxamentos de turismo rural situados na Comunidade Autónoma.

As sesións teñen unha duración de tres horas e centraranse nas posibilidades que buscadores e canles de reserva online ofrecen ao negocio hoteleiro para aumentar e automatizar o seu sistema de reservas. Ademais, os asistentes aprenderán a mellorar a reputación online das súas empresas.

Os empresarios interesados xa poden informarse no teléfono 916266466 ou a través da web: www.alojamientosconectados.es/talleres. Todas as xornadas terán lugar en horario de tarde e impartiranse no edificio de Formación da Cámara Oficial de Comercio de Lugo (13 de novembro), na sede da Asociación de Empresarios de Hosteleria de Santiago de Compostela (14 de novembro), na Confederación Empresarial de Ourense (15 de novembro), na Escola de Hostalaría Álvaro Cunqueiro da Coruña (27 de novembro), na Confederación de Empresarios de Pontevedra (28 de novembro) e no Pazo de Cultura Emilio Pardo Bazán de Sanxenxo (29 de novembro).

Os talleres están dirixidos por un experto do sector turístico especializado neste tipo de solucións tecnolóxicas, ao que acompañan representantes das empresas colaboradoras preferentes no proxecto: RuralGest, Tripadvisor, Trivago e Rusticae.Outros colaboradores da iniciativa son: AFECO, AUTURAL, Global Booking.es, o2c e P&S Consultoría.

"Aloxamentos conectados" conta tamén coa colaboración da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR), tamén dependente do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo que traballou conxuntamente con Red.es na definición do Programa e prestará apoio na súa difusión entre as empresas obxectivo do mesmo. Conta tamén co apoio da Confederación Española de Hoteis e Aloxamentos Turísticos (CEHAT) que representa a 64 asociacións hoteleiras de ámbito local ou provincial repartidas por toda a xeografía española.

Ademais, "Aloxamentos conectados" contempla a dinamización dun espazo web (www.alojamientosconectados.es), cuxo obxectivo é ofrecer información ao sector. No mencionado portal, os empresarios poderán encontrar información sobre o Programa, axudas e talleres, así como informes sobre o sector, manuais formativos e exemplos de boas prácticas enfocadas ao sector hoteleiro e de turismo rural (mercadotecnia dixital, redes sociais, fidelización de clientes, posicionamento web e calidade, entre outros temas).

Sobre"Alojamientos conectados"

"Aloxamentos conectados", do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, púxose en marcha para impulsar o uso das TIC no sector hoteleiro e de turismo rural.

O Programa executarase nas once Comunidades e dúas Cidades Autónomas beneficiarias dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER): Andalucía, Aragón, Asturias, Castela-A Mancha, Castela e León, Comunidade Valenciana, Extremadura, Galicia, Canarias, Murcia, Navarra, Ceuta e Melilla.
A iniciativa -que se desenvolve en colaboración coas CCAA beneficiarias -púidose levar a cabo grazas ao cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia