Skip to main content

A Organización Mundial do Turismo convida á Xunta a presentar o modelo do Camiño de Santiago na Conferencia Internacional de Armenia

Dentro do panel sobre Turismo Relixioso e Diálogo Intercultural da Conferencia Internacional Valores Universais e Diversidade Cultural no século XXI: Como pode o turismo converterse en factor de cambio, organizada pola Organización Mundial do Turismo na cidade armenia de Yerevan, o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, José Paz Gestoso, pronunciou un relatorio sobre o aproveitamento turístico do Camiño de Santiago.

A OMT convidou á Xunta de Galicia a expoñer neste encontro que reúne a expertos e membros do sector turístico de máis de vinte países a súa experiencia no eido do desenvolvemento turístico vinculado á Ruta Xacobea. O obxectivo que persegue a Organización Mundial do Turismo coa celebración desta conferencia é impulsar o posicionamento estratéxico dos países convidados ao encontro para reforzar a cooperación en Europa de cara a incrementar a competitividade turística.

Compartiron panel co xerente do Xacobeo expertos e xestores turísticos de Chipre, Rusia, Bielorrusia, Alemaña e Armenia, e o acto de apertura do encontro correu a cargo do Ministro de Economía da República de Armenia, Tigran Davlyan.

Na súa intervención, José Paz Gestoso destacou a importancia do traballo conxunto das institucións na revitalización do fenómeno xacobeo e tamén da colaboración e esforzo dos axentes sociais como a sociedade civil a través do asociacionismo xacobeo; a igrexa a través do Cabido da Catedral e do Arcebispado de Santiago; así como das diferentes administracións públicas, entre elas a Xunta de Galicia.

Do mesmo xeito incidiu no traballo da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo no que se refire á conservación, rehabilitación e recuperación do Camiño; á elaboración dos principios xurídicos para a súa protección; a organización de simposios, congresos e xornadas; así como a organización de exposicións e a elaboración de unidades didácticas sobre a Ruta. Tamén resaltou a colaboración coas demais entidades administrativas, xurídicas e eclesiásticas e a creación da rede de albergues de titularidade pública. José Paz explicou que o Xacobeo dende a súa creación tense apoiado en catro piares fundamentalmente: as infraestruturas físicas; as relacións coas administracións e a sociedade civil; a cultura e a promoción.

O xerente do Xacobeo quixo resaltar a relevancia da investigación do fenómeno xacobeo no proceso de revitalización do Camiño de Santiago á hora de recuperar itinerarios históricos; de elaborar publicacións científicas e de manter colaboracións coas universidades, centros de investigación e especialistas, así como a constitución do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.

Segundo explicou Paz Gestoso, “o Xacobeo ten contribuído tamén á rehabilitación de boa parte do patrimonio cultural material relixioso e civil relacionado coas rutas de peregrinación” e dende a súa orixe tense encargado de difundir e promocionar ese patrimonio a través da súa presenza en feiras turísticas e relixiosas; elaborando e distribuíndo material promocional; organizando famtrips e presstrips para dar a coñecer o Camiño de Santiago nos mercados internacionais e desenvolvendo potentes accións publicitarias e promocionais. Tamén resaltou a presenza nas redes sociais e nas novas canles de comunicación do fenómeno xacobeo que tece unha rede mundial virtual que fala do Camiño de Santiago.



Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia