Skip to main content

Deputación de Lugo e Concello do Incio potencian a canteiría e o porco celta

Este tipo de eventos organizados co gallo de impulsar os produtos autóctonos e os oficios tradicionais contribúen á difusión da calidade e variedade da gastronomía e artesanía da provincia e abren novas vías de comercialización para actividades, como a canteiría ou a cría de razas autóctonas coma o porco celta, que recollendo o mellor da tradición supoñen un importante potencial de crecemento económico para o futuro. Así pois, calquera iniciativa que contribúa a fomentar e asentar estas actividades beneficiosas para as economías locais supón unha inversión, máis que un gasto.

As cifras veñen a confimar os beneficios que aportan este tipo de actividades, consolidándose como algunha das máis resistentes fronte á crise. De feito, segundo os datos da FDP (Federación Española de la Piedra Natural), as exportacións de pedra de cara ó estranxeiro aumentaron nun 8,5% o pasado ano, xerando un beneficio de preto de 825 millóns de euros. Os traballos da pedra enfócanse fundamentalmente a traballos coma o da rehabilitación, que se ten revelado coma un novo nicho de emprego na provincia de Lugo: a Federación Galega da Construción rexistrou no 2011, só en obra pública, un investimento que triplicou ó do ano anterior, pasando de 1,8 millóns de euros a superar os 5 millóns.

Pola súa banda, a cría do porco celta é tamén capaz de xerar un destacado volume de negocio con cifras moi similares ás anteriores. A cría desta raza autóctona xerou na comunidade durante o pasado ano unha cifra de negocio próxima ós 2 millóns de euros coa venda duns 5.000 exemplares para particulares, recría e produtos transformados. Iso sen ter en conta as positivas repercusións que a cría que se leva a cabo de xeito extensivo, como é o caso da cooperativa do Incio, ten para as economías familiares e para a conservación das terras, actuando coma un factor de prevención dos incendios forestais ó contribuír a que os montes nos que se crían se atopen libres de maleza. O Concello do Incio destaca na cría de porco, situándose á cabeza da provincia en número de explotacións de cría de porco celta, cun total de 7.

Este é o motivo fundamental polo que a Deputación colabora con este tipo de iniciativas, apostando por poñer en valor, difundir e mellorar a comercialización dos produtos da provincia como unha vía para revitalizala zona rural e frear a grave perda de poboación que está a padecer. Neste senso, a institución luguesa, a través do Plan Estratéxico de Subvencións do INLUDES, destina este ano un total de 100.000 euros para apoiar certames encamiñados a xerar riqueza na provincia, aproveitando os seus recursos agroalimentarios e artesanais. Esta Feira do Incio é un dos 25 eventos que neste 2012 reciben axuda económica por parte da institución provincial para a súa posta en marcha. Dita liña de axudas non só está orientada ó apoio deste tipo de iniciativas, senón que tamén se dirixe cara ó tecido asociativo, como é o caso da Cooperativa de criadores de porco celta deste Concello que por vez primeira, celebra o seu tradicional xantar degustación facéndoo coincidir coa data da feira.

Exhibición de traxes do CENTRAD

Ademais de este apoio financeiro, a Deputación levará ata Incio unha mostra dos traballos realizados no Centro de Artesanía e Deseño, concretamente no Obradoiro do Traxe Rexional. Trátarse dunha colección formada por 11 traxes rexionais, deseños propios dos artesáns do Centro e inspirados en pezas tradicionais de diferentes rincóns da xeografía galega.
As pezas que estarán expostas no Multiusos do Concello son as seguintes:
- 2 traxes de gala de home
- 2 traxes rústicos de muller: un deles azul, composto de falda, camisa e lera elaborados en tear tradicional e un de falda tradicional, camisa de lenzo, mantón e mandil
- 2 traxes dos chamados “picados”, nos que destacan as faldas de feltro e veludo sobrepostocon ornamentos en forma de flores
- 5 traxes de gala de muller: un de capa roxa e otro cunha capa de “parlamentas”, formada por dúas pezas superpostas, propios dos traxes da zona da Coruña; e otros tres espectaculares, con dengue e mantelo clásicos, bordados en cristal de Swaroski, inspirados na tradición dos traxes de gala da provincia de Lugo

Ademais desta mostra de vestimenta tradicional, e tendo en conta que este ano a programación da Feira está adicada ós traballos da pedra, o CENTRAD tamén facilitou a presenza dun canteiro que fará demostracións en vivo. As pezas resultantes do seu traballo tamén quedarán expostas durante a xornada.

Demostracións en vivo, música e conferencias

Os actos programados arrincan ás 11:00 horas, coa apertura dos postos nos que se poderán mercar variados produtos gastronómicos e pezas de artesanía. Será a partires das 12:00 horas cando os visitantes poderán optar por visitar o Multiusos do Concello para admirar os traxes rexionais ou as pezas de canteríria expostas nas inmediacións. Ás 14:00 horas comezará o xantar de degustación de porco celta, organizado pola Cooperativa Goó. A programación complétase con obradoiros para nenos, demostracións de oficios tradicionais, xogos populares, actuacións musicais, pasarrúas, e mesmo unha conferencia que versará sobre o traballo dos canteirose que será ofrecida por Carlos Solla, escritor e recoñecido etnógrafo galego.
Deputación Provincial de Lugo