Skip to main content

A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón peregrina ata compostela para apoiar ás rexións danminificadas polo tsunami

Kesen-numa é unha zona moi similar a Galicia, con rías e unha importante industria de cultivo de ostras e vieiras, industria que quedou totalmente destruída ao paso do tsunami.

Os mozos, que teñen que decidir sobre o seu futuro, contan coa axuda da Asociación Xaponesa de Amigos do Camiño de Santiago, que a través desta experiencia pretende darlles a oportunidade de pensar, decidir e encamiñar a súa vida lonxe do lugar da traxedia, utilizando o camiño como experiencia terapéutica.

O grupo, integrado por estudantes e membros da asociación, comezou o seu periplo en León o pasado 25 de xullo e chegaron onte a Compostela. Veñen acompañados dun equipo de televisión xaponés que está a filmar a experiencia para emitila nun documental no seu país de orixe. O equipo é da televisión de Shikoku, unha illa xaponesa que conta con unha das peregrinacións máis importantes do país: a peregrinación budista a Shikoku ou peregrinación dos 88 templos. Esta é, xunto coa sintoísta do camiño de Kumano en Wakayama, a máis importante do país do sol nacente.

A sensibilidade da rexión cara ao fenómeno da peregrinación foi a que levou a este equipo de profesionais da comunicación a ocuparse da Ruta Xacobea, un traballo que realizan xa por segunda vez, dado que seguiron a ruta dunha rapaza xaponesa dende os Pirineos ata Santiago.

Na peregrinación que gravan nesta ocasión terá unha relevancia especial Galicia dado que, tras chegar a Santiago, os mozos visitarán tamén Fisterra, Muxía e mais O Grove.

Reunión co xerente do Xacobeo

A presidenta da asociación xaponesa –que en 2013 cumprirá 5 anos dende a súa fundación-, Tomoko Marioka, xa mantivo previamente unha reunión co xerente do Xacobeo, José Paz Gestoso, quen lle confirmou o seu apoio e interese por continuar con este proxecto para o vindeiro ano. A presidenta da asociación tamén resaltou o feito de que os mozos que peregrinen a Compostela converteranse en principales prescriptores de opinión e impulsores da Ruta Xacobea no seu país. Ademais, Tomoko Marioka comentou que a intención da asociación é que Galicia teña máis presenza no seu proxecto polo que avanzou que o ano que ven a peregrinación comezará no Cebreiro e continuará a pé pola Ruta Fisterra-Muxía.

The Way en Xapón

Entre as actividades que desenvolve a Asociación Xaponesa de Amigos do Camiño de Santiago figura a colaboración coa distribuidora do filme The Way, que ven de estrearse en Xapón. A asociación alcanzou un acordo por medio do que nos cines que se proxecte a película dispoñerán dun stand para repartir información sobre a ruta e sobre o propio ente asociativo. Deste xeito, ao remate da proxección, moitos xaponeses recollen información sobre a ruta, e incluso solicitan máis información, así como unha credencial á asociación para poder peregrinar a Santiago.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia