Skip to main content

Máis de 3 millóns de persoas seguiron a campaña institucional do Día de Galicia

Máis de tres millóns de persoas seguiron a campaña institucional do Día de Galicia que baixo o lema “Para levar a Galicia á cabeza hai que levala no corazón” puxo en marcha Xunta o venres día 20. Unhas 1.950.000 persoas accederon á campaña a través de prensa e radio; 700.000 a través da TV e máis de 500.000 fixérono a través das distintas plataformas online (entre elas a web da Xunta de Galicia) e das redes sociais da campaña.

Os datos reflicten o importante nivel de difusión e repercusión da campaña, sobre todo a través das plataformas dixitais e das redes sociais. Proba disto son as máis de 87.000 visitas en Youtube, case 19.000 seguidores en Facebook, centos de comentarios e miles de comparticións en menos dunha semana de emisión.

A campaña “Galicia no corazón” estreábase o venres día 20 de xullo e, en apenas unhas horas, o spot rexistraba miles de visitas e publicacións en distintas redes sociais, foros, blogs…; algo que acada especial relevancia se temos en conta que se produciron antes do día de máxima exposición, o mércores día 25 de xullo.

O himno galego é o protagonista das distintas pezas das campaña para un día no que a Xunta rende homenaxe ao pobo galego. Nun momento de dificultades económicas, a campaña pretende ser un reflexo do anhelo de Galicia de crecer, de saír adiante, de erguerse e de triunfar no mundo.

No spot participaron máis de 150 figurantes (cidadáns anónimos galegos de diversas idades, que aparecen desempeñando as súas diversas actividades profesionais representando o pasado, presente e futuro da comunidade) para achegar de forma emotiva a idea de que unidos podemos levar a Galicia á cabeza, empregando o xesto de levantarse como metáfora visual de esas ansias de crecemento e superación. Un mapa de Galicia que conforma a idea da Galicia emerxente, creativa, múltiple e emprendedora.

Nota: nos seguintes enlaces poderedes coñecer, en cada momento, as visitas realizadas á campaña a través de Youtube e Facebook.

YOUTUBE: http://www.youtube.com/user/xuntadegalicia
FACEBOOK: www.facebook.com/GaliciaNoCorazon

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia