Skip to main content

A Xunta concentra na Axencia de Turismo as competencias nesta materia

A Xunta concentrará todas as competencias en materia turística nunha única Axencia de Turismo co fin de gañar en eficacia na promoción do destino Galicia e, ao mesmo tempo, reducir a administración paralela existente. O Consello da Xunta aprobou o proxecto de decreto de creación da Axencia de Turismo de Galicia, un único departamento que concentrará todas as competencias repartidas agora en catro institucións como son a Secretaría Xeral para o Turismo, o Xacobeo, Turgalicia e o Instituto de Estudos Turísticos.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que con este proxecto –que agora será remitido ao Consello Consultivo- “intentamos dar un novo impulso ao sector turístico galego, coa reorganización completa da súa estrutura administrativa”. Subliñou que “en lugar de diversificar recursos económicos”, o Goberno galego está “aproveitando todo o potencial que a estrutura turística da administración autonómica ten cunha única estratexia para promocionar un único destino: Galicia”.

Feijóo puxo en valor as “fortalezas” do sector como son a marca turística única e o Xacobeo. Non obstante, admitiu carencias como “a proliferación de diversos órganos con competencias concurrentes en materia de turismo e con escasa coordinación entre si”. Por iso, considera necesario unificar todos estes órganos “nun único organismo cunha única dirección de todos eles. “De feito –dixo- a do turismo será unha das reorganizacións mais relevantes de diminución e de fusión de catro organismos nun único organismo que coordine todo o turismo na comunidade autónoma”.

Ademais de dar cumprimento á Lei de Turismo de Galicia, o presidente recalcou que a creación da Axencia ten un “marcado carácter económico” e de “austeridade” xa que responde ao obxectivo de diminución da administración paralela fixado polo Goberno galego ao inicio da lexislatura. “Xa fixemos o primeiro plan de diminución da administración paralela e estamos neste momento executando o segundo plan de diminución da administración paralela”, lembrou o presidente, quen explicou que a unificación de todas as competencias de turismo nun único organismo suporá “un importante aforro en alugueres e noutros gastos de funcionamento, sen que iso signifique “prescindir de marcas consolidadas no mercado como a marca Xacobeo ou a marca Turgalicia”. Trátase, en definitiva, de “gañar en eficacia, porque evitamos duplicidades e adecuamos os obxectivos e os procedementos a un único obxectivo e a un único procedemento das necesidades turísticas galegas”, recalcou o presidente. “Polo tanto hai un único órgano, unha única estratexia e un único destino, que é colocar Galicia dentro dun destino nacional e internacional. Colocar Galicia como un único produto coordinado por un único organismo”, concluíu.

Ampliación albergue Portomarín

Doutra banda, o Consello da Xunta deu o visto bo a un convenio co concello de Portomarín para a creación dun albergue na antiga escola Virxe da Luz, desta localidade luguesa que é unha referencia no Camiño de Santiago. O presidente da Xunta salientou que os albergues “son unha carta de presentación de Galicia cara aos peregrinos”, de aí o “esforzo” do Goberno autonómico pola ampliación da rede de albergues.

No que vai de lexislatura acometéronse melloras en 46 albergues do camiño de Santiago e creáronse 500 novas prazas o que supón “un incremento do 17% máis de prazas públicas”, explicou Alberto Núñez Feijóo, quen subliñou que estas cifras son “suficiente indicador sobre o compromiso co Camiño de Santiago e o compromiso con este produto único que ten Galicia fronte a maioría, o resto de comunidades autónomas”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia