Skip to main content

Turismo de Galicia deseña un software pioneiros na mellora da xestión das pemes turísticas

En Galicia hai 884 hoteis e 1.181 pensións, segundo o Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas. Co obxectivo de mellorar o sistema de xestión interna dos establecementos hostaleiros de toda Galicia, o Instituto de Estudos Turísticos de Galicia –IET de Galicia- ven de deseñar unha ferramenta pioneira de xestión de establecementos hostaleiros. Trátase dun software libre que permite unha xestión profesional e mais operativa aos responsables dos pequenos establecementos hoteleiros de Galicia que carezan de dispositivos e ferramentas tecnolóxicas axeitadas para realizar o seu traballo cotián como realizar reservas e facturas nunha base de datos ordenada de clientes; procurar e modificar esas reservas ou facturas apropiadamente en función das características de cada pensión e de cada cuarto dispoñible; obter informes de xestión e plannings semanais e/ou mensuais de limpeza, de datos de ocupación; isto é, operacións do día a día que afectan á carga de traballo do empresario, xerente, recepcionista, persoal de limpeza, de todo o plantel.

A secretaria xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Pardo, presentou hoxe en Santiago a ferramenta e destacou que “grazas a ela, os pequenos establecementos turísticos galegos poderán ser xestionadas como as empresas fundamentais que constitúen para o entramado turístico da nosa comunidade”. Segundo dixo, neste proxecto únense dous obxectivos básicos que son a mellora da calidade e a competividade do sector turístico e mais a mellora do sistema de información estatística que posúe o IET de Galicia.

No acto estivo presente tamén a secretaria xeral de Estatísticas de Empresa do Instituto Nacional de Estadística, Elena Rosa Pérez, quen recalcou o feito de que este software deseñado pola Administración Turística Galega é “pioneiro en todo o Estado”. Elena Rosa Pérez felicitou reiteradamente durante a súa intervención a Turismo de Galicia pola posta en marcha desta iniciativa.

Segundo explicou despois a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, os obxectivos marcáronse en función dunha dobre necesidade que se detectou. Por unha parte a precisada polo propio sector hoteleiro de Galicia, que manifestou as dificultades que tiña á fronte dos seus negocios para a introdución de novas tecnoloxías de xestión ante a inexistencia dunha aplicación operativa. Por outra a manifestada pola propia Administración Turística, que recolleu no seu Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013 como prioritario o apoio ás empresas na aplicación de tecnoloxías para o propio desenvolvemento –actuación 33 das 56 que conforman o plan-.

Así polo tanto, este software, de acceso libre, está sendo presentado nas principais cidades galegas aos membros do sector turístico que, como esta mañá en Santiago, poderán presenciar unha clase práctica para aprender a utilizalo e aplicalo nos seus negocios. Os principais beneficios que reportará aos hostaleiros serán: contar cun sistema de xestión sen realizar un desembolso económico porque non require pago de licencias e non ter restricións para a súa modificación, porque é un sistema de código aberto que permite ao hostaleiro adaptar o dispositivo ás necesidades específicas da súa empresa.

Ademais é un código independente do sistema operativo que posibilita a xestión de todo o ciclo de vida da reserva, dende que o cliente chama ata a facturación final. É sinxelo, áxil e intuitivo no uso, polo que se aprende axiña, e facilita a coordinación con diferentes entidades e organismos estatísticos. Coñecer e poder modificar os prezos dos cuartos en función das características dos mesmos e diferenciar entre os variados axentes –quen reserva, quen paga, quen factura- son aspectos que se poden manexar doadamente a través deste dispositivo dixitalizado e que ademais nos permitirán coñecer mellor os perfís dos viaxeiros.

Deste xeito, os establecementos xerarán datos grazas a esta aplicación cedida libre e gratuitamente polo IET de Galicia, que serán enviados tanto ao Instituto Nacional de Estadística –semanal e mensualmente-, como á Policía Nacional, que recibirá cada entrada nos establecementos. A recollida de datos axustarase xa dende o inicio aos estándares de envío de ficheiros destes dous organismos, un método que permitirá obter datos máis fiables, previndo erros na escrita ou na dixitalización dos datos, pois extraerá directamente a información do sistema de xestión.

O software está dispoñible dende hoxe a través das asociacións de hostalería e tamén a través do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia.

Entidades turísticas como Exceltur xa contactaron co IET de Galicia para interesarse por esta ferramenta.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia