Skip to main content

Preséntanse en Madrid os destinos turísticos Vigo-Rías Baixas e A Coruña-Rías Altas

Unhas corenta persoas, entre xornalistas especializados, axentes e touroperadores, asistiron esta mañá en Madrid a presentación dos destinos Vigo-Rías Baixas e A Coruña-Rías Altas que se celebrou na capital no marco da campaña que nestes momentos está a desenvolver Turismo de Galicia e que inclúe accións destinadas á promoción dos aeroportos galegos nos mercados emisores nacionais e internacionais que contan con conexións directas a Peinador e Alvedro. A presentación de Madrid é a primeira presentación da campaña que ao longo dos vindeiros meses se trasladará tamén a Barcelona, Sevilla e Bilbao; no territorio nacional; e tamén á capital británica e mais á capital gala, no territorio internacional. As actuacións que conformarán a campaña de promoción turística están destinadas a potenciar os aeroportos de Peinador e Alvedro nos mercados emisores nacionais e internacionais que teñen conexión directa cos aeroportos galegos.

Na presentación participaron, ademais da xerente de Turgalicia, a xerente de Turismo da Coruña, Fernanda Arenas e mais a xerente do Patronato de Turismo Rías Baixas, Ruth González; así como o actor Luís Piedrahita, que fixo un monólogo sobre o placer de viaxar e describiu os destinos galegos como uns dos “máis atractivos do mundo”.

Carmen Pita incidiu na súa presentación nas facilidades de conexión a través dos voos directos de Madrid con Galicia, a menos de unha hora de voo. Na súa intervención, a xerente de Turgalicia, Carmen Pita, quixo resaltar os atributos do destino Galicia en xeral como o de ser un destino experiencial, evocador de emocións e sensacións. Pita comentou tamén a vinculación de Galicia coa auga e dixo que “ ademais de ter máis de 1.300 km de costa, 700 praias -126 con Bandeira Azul e 9 con Q de Calidade Turística- os cantís máis altos da península e as rías navegables os 365 días do ano; Galicia agocha o mar no seu interior porque ten a maior e mellor oferta balnearia do Estado e as augas minero-medicinais máis quentes de Europa”.

Do mesmo xeito, Carmen Pita incidiu no potencial enogastronómico de Galicia e adentrouse nos exemplos dos Produtos Cabeceira da Marca Galicia que se poden experimentar nos destinos Vigo-Rías Baixas e A Coruña-Rías Altas.

Sobre A Coruña e As Rías Altas resaltou a posibilidade de disfrutar do seu turismo urbano visitando o faro romano máis antigo do mundo en funcionamento –a Torre de Hércules- ou as súas rúas comerciais como a Rúa Real e Rego de Auga, así como a maxestuosa praza de María Pita, coa Casa Consistorial de estilo modernista; así como a cidade vella ou os museos de Arte Sacra ou o Castelo de San Antón, así como A Mariña e as súas afamadas galerías que lle outorgan á cidade herculina tamén o sobrenome de cidade de cristal. Pero ademais do turismo urbano e cultural, na Coruña e nas Rías Altas pódense vivir experiencias relacionadas cos Bosques de Galicia ou cos Faros e Praias Salvaxes, así como visitar tres dos Dez Lugares Únicos que conforman o produto Galicia Top Ten: a Torre de Hércules, o Ferrol da Ilustración e a Serra da Capelada.

No tocante a Vigo-Rías Baixas, a xerente de Turgalicia quixo resaltar durante o seu relatorio a vinculación da cidade co mar, o atractivo e pintoresco do barrio mariñeiro do Berbés; a autenticidade do seu mercado da Pedra ou os conxuntos históricos do Casatro e A Guía, así como as fermosas zonas verdes como o Parque de Castrelos ou os museos como o MARCO; o Museo do Mar ou o Museo municipal Quiñones de León. Carmen Pita convidou tamén neste caso, ademais de a disfrutar do turismo urbano, a descubrir os Faros e Praias Salvaxes das Rías Baixas galegas, o magnífico Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, coas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada; así como a pasear placidamente entre os viñedos da D.O. Rías Baixas e a percorrer os pazos e xardíns da Ruta da Camelia.

Para incentivar a participación do público final implicándoo nos destinos, Turismo de Galicia creou un microsite que inclúe a presentación audiovisual da Coruña-Rías Altas e Vigo-Rías Baixas co sorteo de 21 viaxes para dúas persoas dunha fin de semana con avión incluído a Vigo ou á Coruña.

As presentacións dos destinos galegos continuarán esta semana, mañá presentaranse en Barcelona, no Hotel Hesperia Presidente; o xoves a presentación trasládase a Sevilla, ao Hotel NH Puerta de Armas e o venres a Bilbao, no Hesperia Bilbao.

A campaña de promoción

A campaña ten tres dimensións: público final, intermediarios e compañías aéreas. Trátase dunha campaña 360 graos baseada nunha estratexia que integra e combina nunha soa acción todas as tipoloxías de medios de comunicación cos que o público obxectivo da mesma poida ter contacto para conseguir un maior impacto.

Empregaranse tanto medios de comunicación escritos como radiofónicos e dixitais e agárdase que esta acción chegue a un público de alomenos 6,4 millóns aos que cómpre engadir o impacto viral das accións nas redes sociais e novas canles de comunicación.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia