Skip to main content

Feijóo destaca a capacidade de innovación e a competitividade do turismo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a “enorme capacidade de innovación” da comunidade galega, así como “a valía, esforzo e constancia dos seus cidadáns”. Co gallo do inicio do curso Desenvolvemento de novas empresas, posta en marcha e crecemento, organizado pola Escola de Organización Industrial (E.O.I.), o máximo responsable do Goberno autonómico sinalou a importancia estratéxica da formación como “unha das ferramentas clave para España e tamén para Galicia como destino turístico”.

No acto celebrado no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), o titular da Xunta advertiu que “nos momentos de incerteza, nos momentos de cambio de ciclo e en momentos dun novo sistema económico dun país, dado que o anterior é un sistema esgotado, é necesario apoiarnos no capital fundamental que ten un país, que é a súa xente, a súa capacidade de facer equipo, a súa capacidade de sobrepoñerse ás dificultades e ás súa capacidade de ser aínda máis ambicioso nos momentos de dificultade”.

“Todas as iniciativas de formación, de investigación, de xeración de coñecemento son claves nos momentos de dificultade económica e nunca serán suficiente. Temos que ser máis competitivos”, sinalou o presidente como o obxectivo “de España como país, de Galicia como comunidade autónoma e do sector turístico como un sector básico da economía española e galega”.

Na súa intervención, Feijóo, asegurou que, no campo da Administración turística, o Goberno galego ten actuado en todas as frontes posibles nos últimos anos para incrementar o potencial do turismo en Galicia. “Traballamos e seguiremos traballando intensamente nas nosas responsabilidades en estreita colaboración co sector empresarial turístico galego, porque só desde as alianzas e a cooperación se pode conseguir o liderado e a excelencia”, resaltou.

Deste xeito, o mandatario galego enunciou as actuacións levadas a cabo polo Goberno autonómico na ordenación do territorio para facer a Comunidade galega “máis atractiva”, con medidas como as Directrices de Ordenación do Territorio ou o Plan de Ordenación do Litoral, que “ao longo prazo darán os seus resultados e que supoñen ter un país ordenado”. Xunto con isto, avanzou que a entrada en pleno funcionamento nos vindeiros meses da Autovía do Cantábrico “iniciará unha nova etapa nas nosas relacións turísticas” que se reforzará cando se poña en servizo o tren de alta velocidade.

Feijóo subliñou tamén a importancia do traballo realizado polo Goberno galego na comercialización do turismo a través dos produtos cabeceira de marca, algo posible grazas ao lanzamento da marca Galicia. No tocante ao eido da xestión, referiuse ao intento de mellorar este cambio “por medio da mellora dos sistemas de xestións dos emprendedores turísticos para obter o máximo beneficio co menor custo”, ao tempo que sinalou que, en relación coa lexislación, “Galicia traballa nestes momentos na modernización da normativa da clasificación hostaleira”.

Plan de Formación para a Excelencia Turística de Galicia

O presidente do Goberno galego amosou no CSHG o seu agradecemento á “Escola de Organización Industrial e ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo polos fondos procedentes del Fondo Social Europeo que permiten desenvolver este curso comprendido no Plan de Formación para a Excelencia Turística de Galicia”.

Feijóo subliñou a importancia de Galicia, en colaboración coa Escola de Organización Industrial, como “a primeira Comunidade Autónoma española que puxo en marcha un plan destas características”. Así mesmo, o presidente agradeceu o “recoñecemento feito polo Goberno español na pasada Conferencia Sectorial de Turismo, na que recalcou esta iniciativa pioneira”. “Un plan pioneiro no Estado e clave no marco da nosa estratexia de formación para os profesionais do sector turístico, que en grandes cifras significa que máis de 500 profesionais galegos teñen a oportunidade de asistir a máis de 4.100 horas de formación en xestión”, apuntou.

Segundo explicou o responsable autonómico no preámbulo do curso, “a elección de Galicia para este é o resultado do traballo de equipo” sustentado en catro puntos elementais. Por unha banda, “o apoio da Escola de Organización Industrial”, á que gabou “por ser a primeira escola de negocios de España”. En segundo lugar,“unha formación ampla que abarca todos os sectores implicados de maneira que a gran maioría de profesionais do turismo sexa cal for a súa especialidade atopen un curso pensado para eles”. En terceiro lugar, destacou Feijóo “un plan flexible en localizacións, calendarios e metodoloxías” e, por último, valorou a necesidade de “transmitir aos profesores as súas inquietudes profesionais e traballar dobre cuestións reais que lles afectan no día a día”.

CSHG

O presidente da Xunta sinalou ao Centro Superior de Hostelería de Galicia como “un modelo consolidado e recoñecido de éxito na formación de mozos galegos e futuros profesionais”. O máximo responsable do Goberno galego lembrou como o CSHG “é un dos centros de referencia no seu ámbito de España e a nivel internacional”. “A formación dos titulados do centro permítelles alcanzar un elevado índice de empregabilidade, o que, unido á amplitude de saídas profesionais provocou que este mesmo ano houbera unha marca histórica de inscritos”.

Por último, Feijóo destacou a importancia de pór ao servizo dos empresarios galegos este coñecemento, xa que “o futuro do noso país depende da competitividade das súas empresas e o seu éxito será tamén o éxito de Galicia”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia