Skip to main content

Preséntanse os produtos cabeceira da Marca Galicia baseados en redes sociais

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e mais a directora xerente de Turgalicia, Carmen Pita, presentaron en Santiago a nova campaña de medios de Turismo de Galicia. Trátase dunha acción promocional orientada á difusión das experiencias turísticas que se poden vivir en Galicia a través dos dez Produtos Cabeceira da Marca Turística de Galicia.

Por primeira vez, as imaxes e mais os textos desta campaña dirixida aos medios de comunicación galegos ou con edición en Galicia conviven no mesmo espazo publicitario con alusións a elementos característicos das Redes Sociais e das novas canles de comunicación a través da Internet. A campaña refírese aos recursos turísticos máis senlleiros de Galicia e persegue dar a coñecer aos galegos, antes que a ningún outro mercado, os Produtos Cabeceira da Marca Galicia que permitirán disfrutar aos viaxeiros de dez experiencias turísticas únicas. Deste modo, búscase o incentivo do turismo interno, tendo en conta que o 32% dos turistas de Galicia proceden precisamente da nosa propia comunidade. Nesta primeira fase da campaña búscase sensibilizar aos turistas galegos para que nunha segunda fase merquen os produtos turísticos de Galicia, que poderán ser comercializados de forma directa a través da Rede.

A campaña que hoxe se presentou cubrirá todo o segundo semestre deste ano e incluirá, segundo explicou a secretaria xeral para o Turismo, insercións publicitarias nos xornais galegos e con representación en Galicia, así como cuñas en radio e accións en web-sites. Ademais, farase un sorteo de experiencias a través da nova web de Turgalicia, que se estreará en breve. Os xornais galegos recollen hoxe a primeira inserción da campaña que consta de medias planas con creatividades diferentes e alusivas aos Produtos Cabeceira da Marca Turística de Galicia: Camiño de Santiago; Faros e praias salvaxes; Paseando entre viñedos; Mananciais de Galicia; A Ruta da Camelia; Turismo Mariñeiro; Patrimonio Oculto; Bosques de Galicia; Santuarios Máxicos e Lugares Únicos.

A Fraga de Catasós, a Igrexa de San Alberte no Camiño Norte en Guitiriz; a praia e o faro de Lariño, o Pazo de Oca ou o santuario da Virxe da Barca en Muxía son os reclamos que protagonizan as imaxes desta primeira ‘oleada’.

O importe total da campaña achégase aos 920 mil euros, cofinanciados nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Segundo destacou Carmen Pardo, “está previsto que a campaña chegue a 2,7 millóns de persoas e que acade os 54 millóns de impactos en prensa, radio e Internet”. Segundo os estudos oficiais de audiencia, esta campaña chegará a máis de 1,1 millóns de galegos a través dos medios escritos e será escoitada por 1,6 millóns de persoas. “Trátase da primeira campaña turística de Galicia que mestura información gráfica e textual con elementos recoñecibles das Redes Sociais que, sobreimpresos nas imaxes ou dialogados, reproducen conversas e impresións dos turistas ao descubrir os segredos de Galicia en calquera das dez produtos turísticos que se ofrecen”, segundo explicou a secretaria xeral para o Turismo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia