Skip to main content

Os balnearios e os talasos, único subsector turístico que terá liña de axudas públicas por case 2 millóns de euros

Ourense acolle as Xornadas Profesionais de Termalismo. A cidade termal como modelo de desenvolvemento turístico. Punto de encontro entre axentes empresariais e institucións. A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, foi a encargada de clausurar o encontro ao que acudiron máis de 40 expertos en termalismo de diferentes países de Europa e tamén de Perú. Na súa intervención, a secretaria xeral fixo un balance da política termal desenvolvida dende o seu departamento nos últimos anos e resaltou que “a Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia leva investido nesta lexislatura máis 12 millóns de euros en axudas ao sector termal, orientados en cinco direccións: a innovación en materia termal, o plan de atracción á inversión privada; a promoción; a comercialización e o apoio ao sector privado”.

Do mesmo xeito, a secretaria xeral anunciou que de xeito inminente o seu departamento sacará a orde específica de axudas por valor de 1.750.000 euros especificamente dirixida á creación de establecementos balnearios e talasos para este 2012. Ademais, recalcou que aqueles establecementos termais ou talasos que queiran realizar melloras nas súas instalacións, poden acollerse á orde xeral de axudas para a mellora de establecementos hoteleiros que estará dotada con 2.300.000 euros e que tamén se poñerá en marcha nas vindeiras semanas.

Carmen Pardo salientou o potencial diferenciador das augas termais e mineromedicinais galegas para a internacionalización do sector e fixo un balance da política termal da Xunta de Galicia. Resaltou as accións desenvolvidas en materia de formación directamente dirixida ao sector como o I Curso de Xestión Termal para Directores de Hotel ao que acudiron 30 directivos de toda España; o impulso á primeira Cátedra de Hidroloxía Médica de Galicia; a organización do Congreso Internacional de Turismo Termal en Ourense en 2011; ou o financiamento aos tres Másters de Turismo das Universidades galegas entre os que se inclúe o Master de Turismo da Universidade de Vigo coa Especialidade de Turismo Interior e de Saúde.

Do mesmo xeito falou da calidade do sector resaltando que Galicia ocupa a primeira posición de España en canto a número de balnearios certificados coa Q de Calidade Turística, contando con 7 dos 38 existentes no Estado. Para isto Galicia creou unha orde de axudas específica en 2011 para a obtención, mantemento e certificación do distintivo de Calidade, que se renovou este ano.

A Xunta desenvolveu, así mesmo, un plan de atracción ao investimento privado que consistiu na realización de estudos técnicos de viabilidade de antigos balnearios e estudos de posible localización.

Segundo explicou Carmen Pardo o impulso ao sector termal pasou tamén pola promoción a través dunha campaña de desestacionalización turística de Galicia en 2009 para o turismo termal e rural dotada cun millón de euros. Tamén se promocionou a través de viaxes de familiarización para axentes, tour operadores e prensa –dende 2009 realizáronse 15 viaxes de familiarización aos que acudiron máis de cen axentes-; editáronse a través de Turgalicia 47.000 exemplares do folleto Auga para os sentidos en catro idiomas e acudiuse ás feiras máis relevantes do sector; ademais de deseñar programas específicos de apoio ao termalismo encamiñados a potenciar o potencial de reequilibrio territorial do sector como Outono nas Termas, Noites Saudables ou Balnearios no Camiño. O sector termal está presente no programa de comercialización turística Vive Galicia e tamén nos proxectos europeos nos que traballa a Secretaría Xeral para o Turismo como TErmared e A Eurorrexión Termal e da Auga.

A secretaria xeral concluíu a súa intervención falando dos proxectos de futuro da política termal en Galicia, que pasan pola construción do primeiro Hotel-Balneario-Escola da Península Ibérica en Verín, a primeira Ruta da Auga Transfronteiriza da Península Ibérica e o Plan Estratéxico de Termalismo de Ourense, así como o desenvolvemento do producto Cabeceira da Marca Galicia Mananciais de Galicia e o apoio á internacionalización da Feira de Turismo Termal de Ourense que este ano se celebra en Lima.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia