Skip to main content

A Xunta subvenciona ás axencias de viaxe para promocionar o Destino Galicia

O número 102 do Diario Oficial de Galicia recolle dúas resolucións polas que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de subvencións destinadas ao sector turístico. O obxectivo da orde destinada ás axencias de viaxes para a promoción e comercialización do destino Galicia é dar resposta ás demandas do sector e dos axentes sociais, recollidas no Plan de Acción do Turismo de Galicia, e establecer canles que permitan fortalecer a posición da empresa turística galega nun ámbito de gran competitividade. A intención é incentivar o labor de receptivo de turistas en Galicia das axencias da comunidade.

Considéranse proxectos subvencionables para esta orde todos aqueles que se encadren na liña de deseño de paquetes turísticos de nova configuración – que inclúan ademáis de aloxamento e manutención alomenos dúas actividades de lecer, sendo optativa a oferta de transporte na proposta-. Valoraranse especialmente aqueles paquetes que se configuren sobre os produtos Cabeceira de Marca de Galicia e tamén aqueles que estean orientados ao turismo de caza e pesca, turismo de golf e turismo náutico-fluvial. Ou ben aqueles que se encadren nunha segunda liña, que é a de produtos existentes renovados que impulsen a innovación e renovación en produtos tradicionais ou envellecidos; que inclúan un desenvolvemento transversal de produtos de natureza, culturais e enogastronómicos, así como dobres produtos, integrando termalismo, golf ou outras actividades complementarias; ou que desenvolvan ferramentas ou aplicacións web para a promoción e comercialización dos produtos en sitios web propios ou de terceiros, específicos dos produtos desenvolvidos.

A orde está dotada con 300.000 euros e as actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de ata o 40% do orzamento subvencionable.

No tocante á orde destinada a actuacións de mellora dos acampamentos turísticos de Galicia, esta obedece á un dos eixes vertebradores da actual política de turismo que é a determinación da oferta a través da estratexia diferenciada de calidade. Para afondar na implantación e desenvolvemento dos elementos de calidade tanto no confort e mellora das instalacións como na prestación de servizos turísticos dótase esta orde de axudas con 100.000 euros.

Dentro desta orde considéranse proxectos subvencionables aquelas actuacións relativas á xestión ambiental como renovación, tecnificación e innovación nos acampamentos de turismo que conduzan á implantación de sistemas de protección e mellora ambiental como mellor depuración de augas, xestión enerxética, emisións atmosféricas, tratamento de residuos, etc. Así como actuacións relativas á modernización de instalacións e mellora da oferta complementaria como proxectos de accesibilidade, modernización e tamén actuacións relativas ao aumento de categoría do establecemento.

O prazo de presentación de solicitudes para ambas ordes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación das resolucións no Diario Oficial de Galicia.

A información completa sobre as ordes de axudas pode consultarse nestes enlaces;

http://www.xunta.es/dog/Publicados/2012/20120530/AnuncioC3C1-240512-0013_gl.html

http://www.xunta.es/dog/Publicados/2012/20120530/AnuncioC3C1-240512-0012_gl.html
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia