Skip to main content

Búscase o acordo co sector para a difusión da marca Q de Calidade Turística

A secretaria xeral para o Turismo e conselleira delegada da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia-Turgalicia, Carmen Pardo, asinou na sede de Turgalicia convenios coas asociacións de aloxamento de Turismo Rural, Axencias de Viaxes, Hoteis e Apartamentos Turísticos, Servizos de Restauración, Instalacións Náutico Deportivas e Campos de Golf convenios para a implantación e difusión da marca Q de Calidade Turística para o ano 2012. Como novidade, este ano os convenios asinaranse tamén con Adegas Visitables e mais cos establecementos de Lecer Nocturno.

Ademais dos convenios que se asinan con Turgalicia, a Secretaría Xeral para o Turismo establecerá unha orde de subvencións para empresas turísticas e servizos complementarios para a implantación, certificación, seguimento e renovación da marca Q de Calidade Turística do ICTE dotada cun importe de 100.000 euros. Por primeira vez este ano o máximo subvencionable pola Secretaría Xeral para o Turismo pasa do 40 ao 75% neste tipo de ordes. Ademais, todas as ordes de subvención da Secretaría Xeral para o Turismo en 2012 contemplan vantaxes para os establecementos e servizos adheridos a este distintivo.

A sinatura dos convenios cos representantes do sector empresarial turístico enmárcase no programa de apoio á implantación da marca Q de Calidade Turística para o ano 2012 de Turgalicia e inclúen unha oferta de servizo de consultoría no ámbito colectivo para as empresas e asociacións que estimen oportuno adherirse ao sistema de Calidade no Turismo. A Xunta de Galicia incentiva economicamente aos empresarios que implanten este sistema no ámbito individual soportando os custos directos das auditorías externas de certificación ou renovación da marca Q, así como a cota de mantemento do distintivo de calidade.

Comparativa Galicia e España

Galicia é a Comunidade Autónoma Española na que máis aumentaron os establecementos certificados coa Q de Calidade Turística en 2011. Tamén é a comunidade con maior número de aloxamentos certificados -106 de 771-. Por segundo ano consecutivo, Galicia é a comunidade na que máis medrou a cifra de establecementos certificados coa marca Q. Ocupamos a primeira posición no relativo a balnearios certificados -7 dun total de 38-. Galicia é a primeira CCAA en Q de Calidade Turística nas categorías de Turismo Rural, Instalacións Náuticas-Deportivas e Turismo Activo. Galicia é a segunda comunidade en Axencias de Viaxes e Palacios de Congresos – 2 dos 10 certificados existentes en España están en Galicia.

No 2003 había en Galicia 13 establecementos distinguidos coa marca Q de Calidade Turística, a cifra acadou os 234 en 2011.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia