Skip to main content

Pedrafita do Cebreiro acolle a exposición fotográfica do Camiño de Santiago

Dende o xoves día 5 en Pedrafita do Cebreiro acolle a exposición fotográfica da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo En Camiño, con fotografías da artista alemá Silvia Steinbach. A exposición poderá visitarse na Casa da Cultura, sita na Praza do Mercado da emblemática vila xacobea durante toda a Semana Santa, ata o día 10 de abril en horario de visitas de 10 a 14 e de 16 a 20 h.

A exposición está organizada pola Asociación Praxis e a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e conta coa colaboración do concello de Pedrafita do Cebreiro e da Xunta de Galicia. Dende o ano 2008, itinerou por Frankfurt, Colonia, Hamburgo, Varsovia, Cracovia, Santiago, Ferrol e agora chega a Pedrafita do Cebreiro. O 25 de xullo cruzará por primeira vez o Atlántico para presentarse na cidade colombiana de Santiago de Cali, onde contribuirá á conmemoración do aniversario da súa fundación.

A exposición

A mostra fotográfica En Camiño reflicte a particular visión dunha peregrinación a Santiago feita pola artista alemá Silvia Steinback. Consta dunha colección de 55 fotografías en cor e branco e negro cunha estética moi persoal. As imaxes recollen o camiño, as pontes, as igrexas, os mosteiros e catedrais e mesmo os peregrinos en Navarra, A Rioxa, Castela León e Galicia. Destaca tamén a presenza das rúas e prazas da cidade do Apóstolo e da súa basílica, representadas por sosegadas tomas nocturnas dos espazos urbanos e das arquitecturas máis senlleiras, e tamén de fotografías diúrnas dos peregrinos que chegan ata o Obradoiro, entran na catedral e descobren con novas miradas as naves, capelas e imaxes do grande templo do Camiño de Santiago. Ao final queda Fisterra, cunha enigmática e espectacular panorámica que parece sinal de identidade do estilo desta fotógrafa alemá.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia