Skip to main content

Turismo de Galicia posiciónase na feira Moscow International Travel & Tourism

O Turismo de Galicia, a través de Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, promocionarase ata o 24 de marzo na feira Moscow International Travel & Tourism, que se celebrará na capital rusa e constitúe un dos principais mercados turísticos deste país.

O Turismo galego acude por primeira vez a este certame turístico, cun expositor dentro do stand de Turespaña, para difundir os valores turísticos de Galicia e o Camiño de Santiago na capital de Rusia, onde se concentran o maior número de operadores turísticos e axencias de viaxe deste estado. Se ben, a través de Turgalicia xa se leva feito un traballo de prospección anterior no mercado ruso.

Doutra parte, dentro das accións para a promoción do Turismo de Galicia en Rusia, Turgalicia participará nunha misión comercial –xornadas de promoción directa- nas principais cidades rusas entre os días 4 e 9 de xuño, coa fin de promocionar a oferta turística galega neste mercado.

Mercados emerxentes

Dentro do labor de promoción do Turismo galego que desenvolve a Xunta de Galicia a través de Turgalicia, este ano, ademais de Rusia, apostarase por outro interesante mercado emerxente para Galicia como destino turístico: China.

Así, ademais Galicia participou recentemente na feira Guangzhou International Travel Fair (GITF), o certame turístico máis importante dos que se celebran na populosa provincia de Cantón.

Ademais, Turgalicia participará mañá en Madrid nunha xuntanza de traballo con 15 operadores turísticos chineses especializados en Turismo de negocios, para promocionar Galicia como destino para congresos, convenións e viaxes de incentivo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia