Skip to main content

Cultura e Educación anuncia o descubrimento dunha inscrición romana na Muralla de Lugo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou as obras que o seu departamento está a realizar na Muralla de Lugo para anunciar que durante as labores de restauración do cubo LXXVII atopouse unha inscrición romana. Os técnicos que estaban a realizar estes traballos de exhumación da escaleira de acceso ao cubo descubriron unha lousa duns 80 cm de longo coa seguinte inscrición:

Este achado está situado xustamente na parede do descanso, nunha posición central, enfronte do primeiro tramo das escaleiras, a unha altura de 1,25 metros. Segundo os estudos iniciais, os primeiros carácteres refírense á ex officina (do obradoiro); o seguinte pode ser un nexo de dúas (VP) ou tres letras (VLP) aos que habería que engadir unha ‘I’, e polo tanto a lectura sería VPI ou VLPI (de VLPIUS). Os técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural están estudando esta inscrición, que consideran que podería referirse a unha contrata da Muralla, da construción ou da restauración. Neste senso, é posible que estes carácteres podan facer mención ao dono dun taller.

O descubrimento produciuse a raíz dunha intervención que está realizando a Consellería de Cultura e Educación tras detectar unha patoloxía provocada polo empuxe das terras que enchen o espazo da escaleira romana do cubo LXXVII, sobre o muro da cara interior da muralla que estaba afectando a un inmoble residencial. En virtude do informe técnico, a Dirección Xeral de Patrimonio considerou que a mellor opción era escavar con metodoloxía arqueolóxica a escaleira romana do cubo LXXVII, consolidando o lenzo do muro que pecha a escaleira contra o edificio residencial existente, impermeabilizando a fábrica e repoñendo o recheo ata o nivel do adarve. Durante a execución dos citados traballos é cando aprace esta inscrición romana.

Obras de posta en valor

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural destinou un total de 166.000 euros para a realización de tres actuacións urxentes neste ben histórico: a intervención xa mencionada de impermeabilización da escaleira do cubo LXXVII; a consolidación estrutural e restauración do lenzo interior do cubo XXXVIII; e a construción dunha nova rampla no contorno da Casa Torre que mellorará as condicións de accesibilidade a este ben histórico. As obras iniciáronse o pasado mes de decembro e está previsto que se rematen no vindeiro mes de maio.

Plan integran de mantemento da Muralla

O conselleiro de Cultura e Educación destacou que ademais das inversións para a rehabilitación e posta en valor, “a Xunta de Galicia garante que este ben Patrimonio da Humanidade conservarase nas mellores condicións grazas ao Plan de Mantemento por catro anos para a Muralla de Lugo que aprobou recentemente este goberno”. Segundo Vázquez Abad, “este plan conta cun orzamento total de 896.000 euros que garantirá o coidado e preservación dun ben histórico único no mundo”.

As primeiras actuacións deste plan foron dirixidas á supervisión completa do estado de conservación de cada unha das partes máis significativas, lenzos, adarve, rampla e escaleiras e instalación de iluminación. A continuación executouse un traballo eminentemente técnico, para cualificar os problemas e valorar a orde de prioridade e urxencia. No relativo aos traballos de retirada da vexetación, estes serán realizados conforme ao Plan de Mantemento, executando os tratamentos biocidas e a retirada de vexetación segundo a programación do mesmo.

Doutra banda, tamén se realizará unha limpeza da pedra e se retirará a vexetación do paseo peonil (adarve), escaleiras e dos muros exteriores e interiores dos cubos e lenzos. Asemade, elaborarase un informe anual de seguimento do tratamento, supervisando o monumento e realizando tarefas de mantemento mensuais. Este plan tamén inclúe o mantemento da instalación eléctrica, da iluminación e dos elementos construtivos .

Con esta visita para seguir de cerca os traballos na Muralla de Lugo, o conselleiro Xesús Vázquez Abad da conta do interese do seu departamento pola posta en valor e conservación dun ben patrimonio mundial e símbolo da cidade de Lugo. Nesta visita, o conselleiro estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e por un equipo técnico da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia