Skip to main content

Preto de 9,5 millóns de visitantes chegaron a Galicia en 2011, un 6,4% máis que en 2010

Galicia recibiu durante o pasado ano 2011 un total de 9.449.994 viaxeiros, un 6,4% máis respecto ao pasado Ano Santo e un 13,6% máis a respecto de 2009. Os últimos datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) revelan que a nosa comunidade recibiu neste ano un total de 3.760.868 viaxeiros que se aloxaron en establecementos regrados, o que supón un 11,9% menos que os recibidos en 2010 e un descenso do 1,6% a respecto dos recibidos en 2009.

A estas cifras hai que engadir o número de excursionistas estranxeiros que chegaron a Galicia e que, segundo os últimos datos de Frontur, que analiza os movementos en fronteira, suman un total de 5.689.126. Este dato supón un 23,3% máis respecto dos recibidos no ano 2010 e un 26,6% máis que os excursionistas recibidos en 2009. A maioría deles son excursionistas procedentes de Portugal e realizan a viaxe en vehículo propio.

Dende os nosos principais destinos emisores non se renuncia a vir a Galicia a pesar de que o formato da viaxe muda debido á conxuntura económica dos mesmos, que no caso de Galicia son principalmente o resto de España e Portugal.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia