Skip to main content

O V Outono Gastronómico xera un movemento económico de 480.000 euros

A quinta edición da campaña Outono Gastronómico en Turismo Rural, posta en marcha pola Consellería de Cultura e Turismo, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, en colaboración coas asociacións de Turismo Rural de Galicia –Agatur, Fegatur e Pazos de Galicia-, pechouse o pasado 18 de decembro cun balance moi satisfactorio, que reflicte un movemento económico de 480.000 euros.

Más de 7.200 persoas puideron gozar dos 4.170 menús, paquetes ou fins de semana que comercializaron os 125 establecementos de Turismo Rural participantes nesta edición. En total foron 997 menús; 1.913 paquetes de Outono Gastronómico e 1.260 paquetes de fins de semana.

A promoción, que se levou a cabo entre o 15 de setembro e o 18 de decembro, baseouse no aproveitamento da oferta gastronómica que propoñen as casas de Turismo Rural de Galicia, contribuíndo á desestacionalización do Turismo Rural galego nos meses de menor ocupación. En total, participaron 125 establecementos que presentaron 250 menús diferentes, especialmente ideados para a ocasión e que incluían viños das cinco denominacións de orixe galegas.

Campaña promocional

Para a promoción deste programa editáronse 88.000 dípticos informativos, 10.000 guías de menús e 500 carteis. Realizouse tamén un encarte de 85.200 exemplares do díptico informativo e desenvolveuse unha inserción publicitaria. O material promocional foi enviado a todas as oficinas de información turística, centros comarcais, delegacións provinciais, campos de golf e diversas dependencias administrativas (xuventude, benestar, medio rural, medio ambiente...).

Como novidade da campaña, para o ano 2011 creouse o Oubono Gastronómico, que buscou a fidelización da clientela premiando ás persoas que estiveran aloxadas un mínimo de dúas fins de semana con unha terceira gratuíta. Tamén se fixeron 4.000 delantais de cociña serigrafiados coas creatividades da campaña.

Notoria importancia tivo a campaña publicitaria online. Os banners deseñados para as distintas páxinas web onde se inseriu a información apareceron 5.909.718 veces (número de impresións). O resultado máis directo desta campaña online foron as 29.066 entradas directas no apartado da web de Turgalicia preparado con toda a información da campaña (esta cifra son os clics reais de entradas na web de Turgalicia que se producen cando se pincha nalgún dos banners de impresión visualizada). Estas cifras multiplican por seis a efectividade desta campaña on line con respecto ao ano 2010, que producira 5.898 entradas directas na web.

O número total de entradas que rexistrou a páxina web de Turgalicia para consultar especificamente a campaña do outono gastronómico de turismo rural foi de 43.397 persoas. Nestas visitas visualizáronse un total de 448.647 páxinas relativas ás casas participantes e aos menús elaborados. Estes menús xunto a toda a información desta campaña puideron consultarse na páxina web de Turgalicia www.turgalicia.es, de xeito que os clientes podían estudar previamente tanto as composicións dos menús como as fotografías e o resto das características das casas participantes, a fin de facilitarlle a elección máis acaída aos seus gustos.

Alto grao de satisfacción

Do cuestionario enviado a todas as casas participantes, obtívose unha valoración moi positiva do paquete. Así, nunha escala de 0 a 10 puntos, os participantes valoraron en 8,8 puntos o interese da campaña; en 9,2 puntos a oportunidade de darlle continuidade no 2012. Ademais cifraron en 7,2 puntos a contribución que esta fixo para o incremento das súas reservas.

Os datos obtidos dos clientes a través doutro cuestionario que cubrían voluntaria e anonimamente revelaron que para un 90,08% a relación calidade/prezo da oferta gastronómico rural foi boa, mentres que o trato e atención recibida mereceu a mellor cualificación por parte do 94,73 % dos enquisados.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia