Skip to main content

Máis de 120 empresas, no V Outono Gastronómico en Turismo Rural

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, presentou en Santiago de Compostela a V edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural, unha promoción desenvolvida por Turgalicia e a rede de establecementos de Turismo Rural de Galicia que combina a gastronomía e a estancia nas casas rurais galegas a prezos moi competitivos. Segundo a secretaria xeral, esta iniciativa cumpre cun triplo obxectivo, “dunha parte pretende dinamizar a práctica turística no eido rural a través da implementación da oferta complementaria, doutra, favorecer a desestacionalización do Turismo interior en épocas de baixa demanda e, ademais, ensamblar produtos”.

Ao fío desta idea, Carmen Pardo sinalou na presentación do V Outono gastronómico en Turismo Rural que “a dotación dunha oferta complementaria axeitada e acorde cos novos tipos de demanda turística que se están a observar no caso do Turismo Rural, vén sendo unha das constantes desta lexislatura”, que, engadiu, “estamos a incentivar tanto desde o plano administrativo lexislativo, apoiando aquelas iniciativas tendentes a ampliar este tipo de oferta, como desde o punto de vista do fomento e a promoción das mesmas”.

Durante a presentación desta quinta edición do Outono gastronómico en Turismo Rural, a secretaria xeral para o Turismo aproveitou para facer balance das últimas edicións, sinalando que “este programa ven avaliado polas cifras de anos anteriores”. Así, referíndose ao ano 2010, sinalou que unha vez computados os ingresos resultantes para as casas de Turismo Rural participantes, “a cifra acadou os 490.000 euros, mellorando o resultado económico da campaña do ano 2009 nun 20% e, ademais, arredor dunhas 8.000 persoas puideron gozar da excelencias do Turismo Rural de Galicia e da súa sobranceira gastronomía”.

Polo que respecta á promoción deste programa, elaboráronse 10.000 guías informativas que se porán a disposición do público nos propios establecementos de Turismo Rural, oficinas de Turismo, centros comarcais, campos de golf e outro espazos públicos. Ademais, distribuiranse máis de 500 cartaces, 100 expositores de produto e outro material de publicitario.

Do 15 de setembro ao 18 de decembro

O Outono gastronómico en Turismo Rural, que se desenvolverá entre os días 15 de setembro e 18 de decembro, é un programa polo que cada unha das casas de Turismo Rural participantes ofrecerá dous menús diferentes, exclusivamente concibidos para a ocasión. Así, a oferta Menú Outono gastronómico inclúe os entrantes, primeiros e segundos pratos, sobremesas, cafés ou infusións, viños de denominación de orixe galega e outras bebidas polo prezo global de 30 euros por persoa.

Tamén se ofrece a posibilidade de adquirir o Paquete Outono gastronómico que permite degustar o menú outono gastronómico e pernoctar na casa de Turismo Rural elixida, incluíndo os almorzos do día seguinte. O Paquete Outono gastronómico componse dun menú por persoa máis aloxamento e almorzo nunha nunha das casas de Turismo Rural participantes na promoción, noite de venres ou sábado a escoller. O prezo é de 110 euros para dúas persoas en cuarto dobre ou de 70 euros para unha persoa en cuarto individual.

Fin de semana

Outra das posibilidades que se recolle na promoción Outono gastronómico de 2011 é gozar da Fin de semana Outono gastronómico, que inclúe dous menús por persoa máis o aloxamento –noite de venres e sábado-. O prezo é de 190 euros para dúas persoas en cuarto dobre e 130 euros para unha persoa en cuarto individual.

Para compartir coa familia unha fin de semana dentro deste programa turístico, existe a Fin de semana familiar Outono gastronómico que inclúe ofertas para un e dous nenos ata 14 anos. Para parellas acompañadas dun neno, a oferta de menús e aloxamento será de 250 euros, mentres que para as que vaian acompañadas de dous rapaces o prezo da fin de semana será de 290 euros.

Ademais, existe a posibilidade de obter unha fin de semana gratis no caso de terse aloxado con anterioridade dúas fins de semana en calquera dos establecementos participantes.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia