Skip to main content

Galicia promociónase como destino de calidade entre especialistas en golf

A Consellería de Cultura e Turismo promove do 4 ao 7 de setembro un encontro entre operadores turísticos e xornalistas españois e internacionais especializados en golf co sector turístico deste deporte de Galicia. O obxectivo desta viaxe de familiarización (Fam Trip) é a promoción do primeiro Campionato de Nacións do Camiño de Santiago (CNCS), que organiza Turgalicia dentro do Plan de Acción de Turismo de Golf de Galicia 2010-2013. Este encontro permitirá a creación dun marco de relacións entre a industria turística de Galicia e as canles de distribución europeas especializadas na promoción do golf, que van comercializar o evento, e forman os equipos que representarán cada país no campionato.

A primeira edición do Campionato de Nacións do Camiño de Santiago responde a un dos piares da estratexia de comercialización do plan de accións 2010-2013 de turismo de golf de Galicia. Consiste na celebración dun torneo de relevo internacional, cuxa primeira edición terá lugar no ano 2012, que enfrontará a xogadores de golf dos diferentes países de onde nace ou transcorre o Camiño de Santiago. Este evento permitirá atraer os mercados europeos de golf a Galicia, aproveitando o seu recoñecemento e a fortaleza que posúe a súa imaxe exterior grazas á ruta xacobea.

Esta acción terá a súa clave na realización dun encontro en Galicia previo ao CNCS que permitirá facilitar a contratación e comercialización dos servizos e testar o programa previsto do evento. O obxectivo é que nese escenario se produza a contratación e o establecemento de relacións comerciais máis sólidas. Ademais, vai converterse no motor de arranque do CNCS, onde se percorrerán os produtos e paquetes creados para comercializar o noso destino de golf en Europa. A acción realizarase baixo un formato Fam Trip, no cal se inclúe un campionato piloto para os asistentes.

Os obxectivos principais deste encontro son dar a coñecer Galicia como destino de golf a través dos seus campos de golf e servizos complementarios; mostrar aos operadores turísticos asistentes o produto concreto con distintas opcións para ser incluído nos programas específicos de golf en Europa; e presentar o programa del I Campionato de Golf 2012, de Nacións do Camiño de Santiago. Dada a similitude de servizos que se inclúen no Fam Trip, con respecto ao programa do campionato, enténdese a mellor forma de presentar o programa.

Mostrar a infraestrutura turística galega

Este evento está dirixido a operadores turísticos e prensa nacional e internacional especializados en golf, dentro dunha selección de operadores máis interesantes que representen aos países que dalgún xeito están vinculados co Camiño de Santiago, sendo os países por onde nace ou transcorre a ruta xacobea: España, Portugal, Francia, Italia, Suíza, Alemaña, Reino Unido, Irlanda, Países Baixos, Bélxica, República Checa e Austria.

Estableceuse contacto co público obxectivo a través da Asociación Galicia Destino Golf (AGDG), membro da International Association of Golf Tour Operators (IAGTO), co obxectivo de facer unha selección dos principais canais de intermediación e comunicación, emisores de xogadores de golf cara a Galicia. A Asociación Galicia Destino Golf, entidade colaboradora do evento, porá a disposición dos asistentes do Encontro, a súa oferta de servizos de golf durante os días do evento e nun work-shop que terá lugar o día 8 de setembro.

A previsión e que neste encontro participen 16 operadores turísticos (4 Irlanda, 4 Alemaña, 1 Reino Unido, 1 Bélxica, 1 Países Baixos, 1 Portugal, 1 Italia e 3 España), 12 xornalistas (5 Francia, 2 Bélxica, 1 Austria, 2 Alemaña e 2 Reino Unido) e 2 membros da IAGTO. O itinerario deseñado pretende dar a coñecer destino Galicia a través dos seus campos de golf, os seus servizos, paisaxes, gastronomía e as súas xentes. A estanza estará dividida en dúas zonas perfectamente diferenciadas, tanto polo seu ámbito natural, coma polas características dos seus servizos complementarios.

A gastronomía será un dos grandes atractivos desta viaxe, na que se incluirá a celebración dun campionato de golf entre os participantes. Ademais, como actividades complementarias, incluíuse unha cea medieval, un paseo en barco pola ría e unha cata de viños. A visita a Santiago de Compostela, realizarase o último día, sendo o broche final da viaxe.

Fotografía: Turgalicia
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia