Skip to main content

O parque rupestre de Campo Lameiro, na revista Turismo de Galicia

A Consellería de Cultura e Turismo, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, vén de publicar o número 20 da revista Galicia, Turismo de Galicia, na que se inclúen reportaxes do parque arqueolóxico da arte rupestre de Campo Lameiro, o Turismo ornitolóxico nos Ancares, unha visión da cidade da Coruña como destino de verán e os recursos turísticos do Rosal (Pontevedra), ademais doutros contidos relacionados coa promoción turística da Comunidade galega.

Esta publicación, que chega ao seu número 20, edítase tres veces ao ano e ten como obxectivo promocionar os valores turísticos galegos entre o público galego e do resto de España. Así, a través de 80 páxinas en dúas edicións, –en linguas galega e castelá-, a revista Galicia, Turismo de Galicia recolle amplas reportaxes sobre distintos aspectos relacionados co Turismo galego, dirixidos fundamentalmente ao sector turístico, medios de comunicación e outros colectivos con capacidade para prescribir o destino turístico Galicia.

Na súa edición de verán-outono, esta publicación tamén publica unha reportaxe sobre a artesanía galega relacionada coa construción de instrumentos musicais e un paseo pola vila luguesa de Foz, da man da escritora Luísa Castro.

Entre os temas que aborda neste último número a revista Galicia, Turismo de Galicia, tamén se atopa o proxecto do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, relacionado cunha instalación hostaleira no anexo do edificio, e outra información corporativa. Nas páxinas desa publicación do Turismo galego o lector poderá atopar tamén información sobre a aplicación da marca turística de Galicia e a recente campaña de publicidade levada a cabo por Turgalicia nas principais cadeas de televisión de España para promocionar o Turismo galego cara ao verán.

A revista Galicia, Turismo de Galicia, ademais da súa versión impresa, pódese descargar en formato PDF na web www. turgalicia. es, desde a sección “noticias turismo”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia