Skip to main content

Galicia promociónase na feira virtual de Turismo: Conexión Spain Virtual

Os recursos e os valores turísticos da comunidade galega promocionaranse ata o día 13 de xullo, na primeira feira virtual de Turismo de España en Canadá e os Estados Unidos. Esta cita, organizada pola Oficina de España en Toronto e que se presenta baixo a denominación Conexión Spain Virtual, desenvolverase entre os días 6 e 13 de xullo.

Este é o primeiro certame turístico virtual no que participa o turismo de Galicia a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, da Consellería de Cultura e Turismo. Nesta feira, o turismo galego disporá tamén dun stand virtual que estará atendido polo persoal de Turgalicia por medio dun chat. O obxectivo é difundir a oferta turística entre os profesionais do turismo e o público final dos estados norteamericanos.

Aforro de custos e accesibilidade

A principal vantaxe de participar nesta feira é o aforro de custos, xa que se evitan os gastos que ocasiona a organización dunha feira no mundo real, tales como a montaxe e a desmontaxe do stand, a decoración e o transporte, entre outros. Outra das vantaxes deste certame turístico virtual é a ampla accesibilidade que permite, ao posibilitar un acceso universal desde calquera lugar dos dous países, ao longo das 24 horas do día. Por outra parte, está previsto que se acheguen a esta feira turística uns 10.000 visitantes únicos e 1.000 rexistrados.

Conexión Spain Virtual está articulada como un espazo de negocios real a través dun contorno virtual, no que, xunto coa posibilidade de presentar os recursos e os produtos turísticos galegos a través de vídeos, fotografías e outros materiais de descarga, tamén se ten a oportunidade de recoller centos de referencias de profesionais norteamericanos que visiten o stand.

Todas as persoas que desexen participar nesta feira poderano facer a través do enderezo electrónico www. conexionspainvirtual.com.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia