Skip to main content

Convócanse dúas liñas de axudas para axencias de viaxes e calidade turística

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) dúas convocatorias de axudas para o ano 2011. A primeira liña de subvencións está destinada a axencias de viaxes para a promoción e comercialización do destino Galicia e conta un orzamento de 500.000 euros. A segunda, cun total de 300.000 euros está dirixida a establecementos de turismo rural, hoteis, balnearios, cafeterías, bares, restaurantes, palacios de congresos e empresas dedicadas a turismo de aventura, actividades de lecer e tempo libre. O obxectivo desta liña de subvencións é que as empresas implementen as normas que conduzan á certificación da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE). As dúas convocatorias foron creadas pola actual Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

Os beneficiarios da primeira liña de axudas, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo Feder Galicia (2007-2013), serán os titulares de axencias de viaxe que conten con clasificación turística expedida pola comunidade autónoma galega e que estean comprendidos na definición de pequena ou mediana empresa. Os interesados a optar a estas subvencións poden presentar as súas solicitudes ata o próximo 13 de xullo.

As accións subvencionables, que deben estar iniciadas a partir do 1 de xaneiro de 2011, son o deseño de novos paquetes turísticos, a renovación de produtos xa existentes e a mellora dos establecementos e da calidade turística. O obxectivo destas axudas é impulsar a promoción e comercialización do destino Galicia a través do deseño de paquetes turísticos especializados que creen novos produtos e/ou novas ofertas creativas, así como procesos de certificación das axencias de viaxe segundo as normas do Instituto da Calidade Turística Española ou outras de recoñecido prestixio de ámbito internacional.

A orde de subvencións publicada hoxe no DOG está motivada polo feito de que a actividade turística levada a cabo polas axencias de viaxe é un piar fundamental do fenómeno turístico. Estas empresas contan cunha enorme importancia no sector e son artífices do auxe experimentado nos movementos de viaxeiros. Actualmente, están asistindo a un cambio nas súas actividades tradicionais derivadas dunha maior esixencia e demanda por parte dos consumidores.

Todo isto fai necesario un esforzo constante na presentación de novos enfoques a solucións imaxinativas para as empresas do sector, de xeito que se creen novos servizos adaptados á demanda. Neste momento, as axencias teñen o reto de fomentar a expansión, comercialización e difusión da oferta turística de Galicia en todos os ámbitos. Para iso, deben dar un asesoramento experto e especializado, xestionar de maneira activa o mercado turístico e ofertar novos servizos más personalizados acordes coas tendencias que apuntan os mercados.

O Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013, recolle a necesidade de que as Axencias de Viaxes fagan tamén receptivo e para incentivalo a administración turística implementou tanto esta liña de subvencións como o programa Vive Galicia.

Calidade dos establecementos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) tamén publica hoxe unha orde de subvencións da Secretaría Xeral para o Turismo a establecementos de turismo rural, hoteis, hoteis-talaso, hoteis-balneario, balnearios, cafeterías, bares, restaurantes, palacios de congresos e empresas dedicadas a turismo de aventura, actividades de lecer e tempo libre. O obxectivo é que estas empresas implementen as correspondentes normas UNE que conduzan á certificación da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE). Esta liña de axudas, que conta cun crédito de 300.000 euros, está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder Galicia (2007-2013). Cabe salientar que en 2010 Galicia acadou o récord estatal de establecementos certificados coa Q e que batemos o noso propio récord histórico en número de certificacións en Galicia.

Os beneficiarios destas subvencións, que teñen que estar comprendidos na definición de pequena ou mediana empresa, deben estar inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia. As solicitudes pódense presentar ata o vindeiro 13 de xullo e as axudas poderán acadar un máximo de ata o 40% do proxecto subvencionable. O importe subvencionado será dun máximo de 3.000 euros para os procesos de primeira certificación e/ou renovación da marca Q e de 2.000 euros para os procesos de seguimento.

O obxectivo desta orde é promover e apoiar as iniciativas de calidade necesarias para cumprir os estándares fixados polo Instituto para a Calidad Turística Española, que ten en conta o prestixio, fiabilidade, rigorosidade e profesionalidade dos establecementos avalados. O fin é asegurar aos clientes a mellor experiencia turística posible.

O Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013 ten como unha das súas prioridades a implantación e mellora da calidade no destino Galicia, algo que se reflicte na maioría das estratexias nas que se desenvolve. Nesta liña, a orde publicada hoxe busca complementar o marco xeral do programa de axudas para a dinamización turística, co fin de contribuír a configurar Galicia como un destino turístico multiexperimental, equilibrado territorialmente, de reducida estacionalidade e de calidade e reforzar a súa competitividade.

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, busca propiciar un marco favorable pata a creación e desenvolvemento de iniciativas turísticas de calidade, tendo en conta o peso que ten o sector turístico na economía galega.

Fotografía: arquivo GD / Xunta de Galicia
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia