Skip to main content

Preséntase en Santiago de Compostela a guía Camiño inglés...para comelo

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, xunto aos presidentes das asociacións de hostalaría de Santiago de Compostela e Ferrol, presentou na Cidade da Cultura de Galicia a guía turística Camiño Inglés… para comelo, así como un traballo audiovisual de apoio a esta publicación.

Esta iniciativa xorde dun acordo asinado o pasado ano entre Turgalicia e as asociacións de hostalaría da provincia da Coruña –A Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol- ao obxecto de fomentar a desestacionalización turística nesta provincia mediante a creación dun produto turístico arredor do Camiño Inglés que dinamice a actividade turística en base aos recursos propios das zonas polas que atravesa esta ruta do Camiño de Santiago, combinando historia, patrimonio e gastronomía.

Así, na súa intervención, a secretaria xeral para o Turismo, salientou a importancia deste acordo para a dinamización turística das comarcas polas que atravesa o Camiño Inglés, do que destacou que no ano 2010 “máis que duplicou o número de peregrinos en relación ao ano 2004”, e felicitou aos impulsores da mesma por ter desenvolvido este produto turístico.

Carmen Pardo, referíndose ao Camiño Inglés, manifestou que, como se di no documental que acompaña esta guía, “hai moitos motivos para percorrer o Camiño Inglés: a amizade, o misterio, a hospitalidade, a autenticidade da ruta máis descoñecida…” e, tamén, como se explica no vídeo “o Camiño Inglés, desde A Coruña, por exemplo, comeza e remata en patrimonios da humanidade: a Torre de Hércules e o Casco histórico da Cidade de Santiago de Compostela”.

Acordo pioneiro

Carmen Pardo falou deste convenio asinado entre a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia e as asociacións de hostalaría da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol, como un acordo pioneiro para afrontar a desestacionalización turística na Comunidade galega. Así, ademais deste convenio entre Turismo de Galicia e as asociacións da provincia coruñesa, Turgalicia tamén asinou acordos cos representantes dos colectivos empresarias hostaleiros das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra, que abordaron outros proxectos de interese para atraer turistas nas tempadas de menor demanda.

Neste sentido, Carmen Pardo sinalou que, por primeira vez, a Administración turística autonómica posibilitou este tipo de acordos co sector empresarial galego para actuar fronte á estacionalización do Turismo, tal e como recolle o Plan de Actuación do Turismo de Galicia 2010-2013.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia