Skip to main content

Promociónase o Xacobeo no XXIII Encontro Compostelán en Perugia (Italia)

A directora xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Camino Triguero, participou en Perugia no XXIII Encontro Compostelán en Italia, unha xuntanza de peregrinos e especialistas xacobeos chegados dende todos os lugares de Italia. Esta reunión, que se realiza todos os anos, coincidiu coa celebración do trinta aniversario da Confraternita di San Jacopo, a confraría de peregrinos organizadora do encontro que foi fundada en 1991 por Paolo Caucci con Saucken e que hoxe conta xa con 1.600 membros repartidos por todo o territorio italiano.

Camino Triguero recordou no Auditorio de Santa Cecilia de Perugia o enorme valor que “asociacións e confrarías de peregrinos teñen para a pervivencia da peregrinación a Santiago de Compostela”. A directora xerente cualificou a estas asociacións como “as auténticas embaixadas xacobeas en Italia, porque informades e acreditades aos peregrinos, revitalizades as vías de peregrinación, atendedes a voluntarios e hospitais de Italia e España, e sobre todo, peregrinades a Compostela transmitindo o voso entusiasmo por Santiago, Galicia e o Camiño”.

A directora xerente animou á Confraternita di San Jacopo a “continuar traballando e colaborando coa S.A. de Xestión do Plan Xacobeo” e agradeceu ao seu presidente, Paolo Caucci von Saucken, “todo o seu esforzo e entusiasmo por difundir a peregrinación a Compostela durante 40 anos”. A continuación, Camino Triguero asistiu ao encontro da sección científica da Asociación Centro Italiano di Studi Compostellani, onde participaron académicos italianos e españois. Neste encontro científico presentáronse novas iniciativas e os estudos xacobeos do último ano, así como, debateuse o estado actual das investigacións xacobeas e as súas perspectivas de futuro.

Entrega de credenciais

Nesta reunión anual da Confraternita di San Jacopo os socios analizaron a situación actual da confraría, expuxeron novas iniciativas e trataron temas como o funcionamento dos hospitais de peregrinos xestionados pola confraría en San Nicolás de Puente Fitero (Camiño Francés), Radicoffani (Vía Francigena), Asís e Roma. Asemade, tamén se analizou a posibilidade de implicar o próximo ano a membros da confraría na utilización da Vía Francíxena como instrumento de reinserción de reclusos.

A última xornada deste encontro, o domingo 29, continuou cunha reunión no Oratorio de Santa Cecilia cun debate sobre o estado actual da peregrinación en Italia, no que se abordaron todas as cuestións relativas aos albergues, hospitaleiros e os itinerarios de peregrinación. Finalmente, o XXIII Encontro Compostelán en Italia clausurouse cunha misa na Catedral de San Lorenzo celebrada polo bispo da diocese de Perugia. Como todos os anos, a celebración recreou as antigas cerimonias e rituais da peregrinación a Santiago, coa investidura dos novos confrades e a entrega de credenciais para a partida cara Compostela.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia