Skip to main content

50 restaurantes participan na campaña A cociña galega con Cunqueiro

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, participou na presentación en Santiago da campaña A cociña galega con Cunqueiro levada a cabo polo Consello da Cultura Galega e enmarcada nas actividades celebradas con motivo do Ano Cunqueiro. Nesta iniciativa, que se porá en marcha mañá, 25 de maio, restaurantes de toda Galicia, tradicionais e contemporáneos, colaborarán nun proxecto común: homenaxear á figura de Cunqueiro e o seu papel decisivo da difusión e prestixio da cociña galega. No acto, a secretaria xeral para o Turismo estivo acompañada polo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; polo xornalista gastronómico e editor da antoloxía, Miguel Viña, e por un representante dos cociñeiros de Galicia.

Na campaña A cociña galega con Cunqueiro o Consello da Cultura Galega conta coa colaboración das asociacións de restaurantes de Galicia (Amigos da Cociña Galega, Comp&Go, Galicia Gourmand, Grupo Nove, Lareira, Club Rías Altas e Xantares) pon en marcha a campaña A cociña galega con Cunqueiro. O obxectivo desta iniciativa é levar os pratos máis apreciados polo principal escritor gastronómico de Galicia de volta aos restaurantes, recuperando a rica tradición gastronómica galega e empregando os restaurantes como espazo de difusión cultural. Ademais, distribuíranse entre os clientes 10.000 exemplares do libro Na mesa con Cunqueiro. Antoloxía gastronómica e literaria, unha antoloxía literaria e gastronómica de Álvaro Cunqueiro editada por Miguel Vila.

No marco deste programa, participarán cincuenta restaurantes de cociña galega, tanto tradicional como contemporánea. Estes restaurantes servirán pratos da gastronomía de Cunqueiro, xa sexa na súa versión tradicional ou con algunha interpretación que consideren axeitada.

Durante a súa intervención, a secretaria xeral para o Turismo gabou a figura de Álvaro Cunqueiro e destacou o papel da gastronomía galega, que “constitúe por si mesma un reclamo turístico de primeira orde”. De feito, Carmen Pardo asegurou que, despois da natureza, a gastronomía é o segundo motivo polo que milleiros de visitantes se achegan a Galicia “atraídos por uns pratos que recollen un pasado gastronómico milenario”.

Tras destacar a importancia desta homenaxe gastronómica ao escritor no centenario do seu nacemento, a secretaria xeral para o Turismo lembrou que Turgalicia recibiu este ano o premio Álvaro Cunqueiro pola súa labor de difusión e promoción da gastronomía galega. Deste xeito, Carmen Pardo explicou a aposta feita pola gastronomía, da que destacou o impulso ao turismo gastronómico e a busca do recoñecemento a nivel nacional e internacional da oferta gastronómica da comunidade galega. Asegurou, ademais, que todo o potencial de Galicia neste ámbito “verase reflectido no Plan Director de Turismo Enogastronómico que se está desenvolvendo na actualidade.

Actividades do Ano Cunqueiro

Esta iniciativa está enmarcada na celebración do primeiro centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro, efeméride que se conmemora cun programa conxunto de actividades na que participan diferentes institucións. A Consellería de Cultura e Turismo está a colaborar neste 2011, Ano Cunqueiro xunto ao Consello da Cultura Galega, as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, a Real Academia Galega e os Concellos de Vigo e Mondoñedo. Tamén colaboran a Deputación de Lugo, a Escola Superior de Arte Dramática, a Fundación Cidade da Cultura e a Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais.

Co seu apoio, a Consellería de Cultura e Turismo pretende enxalzar o enxeño e a liberdade creadora que definiron a traxectoria literaria de Cunqueiro, un persoeiro que tanto fixo pola cultura galega e por Galicia. Mergullarse no seu legado literario e xornalístico supón hoxe, igual que sempre, unha experiencia tan entretida como edificante. Coa súa achega, a Xunta de Galicia quere destacar o misterio e a maxia que rodearon sempre a figura e a obra de Cunqueiro, feito que coa súa capacidade para fabular e fantasiar lle permitiron ao autor mindoniense debuxar coas palabras nas Crónicas do Sochantre a Bretaña francesa sen antes visitala.

Neste contexto, a Casa da Parra vén de inaugurar en Compostela a exposición itinerante No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro 1911-2011, que exhibe ata o 26 de xuño todo tipo de fondos documentais, obxectos persoais, manuscritos e primeiras edicións das súas principais obras. A través desta mostra, promovida pola Xunta de Galicia, a Fundación Penzol e a Editorial Galaxia, o público poderá achegarse á figura e á obra do autor mindoniense a través de 18 paneis informativos e de diferentes materiais e obxectos dispostos en 8 vitrinas.

No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro 1911-2011 estrutúrase en cinco grandes apartados, que describen o universo cunqueirano a través de elementos tan íntimos como a reprodución do seu escritorio de traballo, a narración biográfica no seu contexto histórico e vital ou a exhibición de materiais de grande valor tanto emocional como patrimonial. Un espazo audiovisual reproduce en vídeo distintos documentais, entrevistas e gravacións das súas obras teatrais; e dous computadores con pantallas interactivas permiten a consulta de datos, fotos e bibliografía. Comisariada por María García Liñeira e Víctor F. Freixanes, a exhibición iniciou o seu periplo en Mondoñedo e visitará proximamente Ourense, Lugo, A Coruña, Pontevedra, Ferrol e Vigo.

Imagen: Consello da Cultura Galega (CCG)
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia