Skip to main content

O Camiño de Santiago e o Xacobeo protagonizan cursos universitarios en Corea do Sur

A directora-xerente da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, Camino Triguero, realizou unha presentación institucional do Xacobeo e do Camiño de Santiago na Universidade de Kyung Hee en Corea do Sur. O acto celebrado enmárcase na liña de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e a Universidade de Santiago de Compostela que posibilita a realización dos Cursos Internacionais sobre o Camiño de Santiago en Seúl. A oferta formativa que se impartirá nas universidades surcoreanas de Kyung Hee University, Pyeongtaek University e Universidade Hankuk de Estudos Estranxeiros, contará coa participación do profesor de historia medieval da Universidade de Santiago de Compostela, José Miguel Andrade e da xerente de Cursos Internacionais da USC, Lanzada Calatayud. A representación da Xunta de Galicia que se desprazou ata Corea do Sur mantivo tamén un encontro co embaixador de España en Seúl, Luis Arias. A Embaixada de España en Corea posibilitou a realización desta viaxe e destaca polo seu traballo desenvolvido na promoción a prol do Camiño de Santiago desde a Consellería de Cultura, encabezada por Luis Fonseca.

Os Cursos Internacionais promovidos pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, porán en valor as rutas xacobeas e promocionarán o Camiño de Santiago. Deste xeito, mañá xoves en Pyeongtaek e o venres en Seúl e Kyung Hee realizarase a presentación institucional do Xacobeo e do 800 aniversario da consagración da Catedral de Santiago. Deste xeito, o profesor José Miguel Andrade impartirá tres conferencias sobre a Historia do Camiño e das peregrinacións a Santiago de Compostela, tituladas ‘El Camino de Santiago: un pasado milenario y un presente de futuro’.

As presentacións estarán seguidas por mesas redondas onde peregrinos de Corea que fixeran o Camiño contarán a súa experiencia. Esta mañá na Universidade de Kyung Hee participou Kim Hyo Sun, autora de tres libros sobre o Camiño e considerada, xunto coa autora Kim Mamhee, unha das protagonistas do recente boom de camiñantes procedentes de Corea. A escritora falou da súa experiencia persoal como peregrina e animou aos mais de cen participantes a percorrer o Camiño de Santiago.

Cursos Internacionais

A colaboración de Cursos Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela e a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo para a promoción conxunta do Camiño de Santiago, pretende que a marca deste produto sexa coñecida e respectada no mercado do turismo lingüístico e cultural internacional, converténdose nun referente nos dous sectores. Un programa de calidade, exclusivo e diferente, que proporcione ao estudante a experiencia e coñecemento de Galicia, do Camiño de Santiago, da Universidade e que satisfaga todas as súas necesidades académicas, culturais e vivenciais.

O feito do espectacular aumento de peregrinos coreanos a Santiago xunto ao crecente interese dos estudantes coreanos por aprender español fai que esta acción promocional no continente asiático sexa especialmente interesante.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia