Skip to main content

Preséntase o proxecto da Cidade da Cultura a unha delegación de directivos e empresarios estadounidenses

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou o proxecto da Cidade da Cultura a unha delegación de de directivos e empresarios de Estados Unidos, no marco da iniciativa U.S.Leaders Program, patrocinada pola Fundación Consello España-Estados Unidos e que conta coa colaboración da Embaixada de España no país americano. Roberto Varela acompañou a este grupo de empresarios na súa visita á infraestrutura deseñada polo arquitecto estadounidense Peter Eisenman, e explicou as liñas de acción cultural promovidas polo seu departamento para o complexo do Gaiás.

A continuación, a secretaria xeral para o Turismo, Mª Carmen Pardo, realizou unha presentación sobre Galicia como destino turístico ante este grupo de empresarios estadounidense. Na súa intervención, Carmen Pardo deu conta das excelencias turísticas da comunidade galega, e asegurou que “Galicia é un multidestino turístico cheo de posibilidades, que abrangue dende o turismo de natureza e rural, o gastronómico, o cultural, o relixioso e espiritual, o de saúde e benestar ata o deportivo, entre outros”. A secretaria xeral explicou pormenorizadamente as características principais que definen Galicia, un destino completo cunha “oferta de calidade, moi desenvolvida e especializada, que permite disfrutar dos máis variados ámbitos: urbano, rural, costeiro e interior”.

Segundo a secretaria xeral para o Turismo, Galicia é “a esquina verde de España, o territorio español de maior riqueza forestal e de maiores reservas de auga, que flúe polos máis de mil ríos que transcorren polos nosos vales e montañas”. Do mesmo xeito, Pardo explicou a ligazón histórica de Galicia co mar, recordando que “ao longo dos 1.300 quilómetros de costa galega esténdense 700 praias, somos o territorio costeiro da Unión Europea con máis bandeiras azuis, 119, e as nosas rías son navegables os 365 días do ano”.

Na súa intervención, Carmen Pardo tamén fixo referencia ao fenómeno Xacobeo e a importancia cultural e histórica do Camiño de Santiago, así como os catro Patrimonios da Humanidade que posúe a comunidade. Asemade, aproveitou a ocasión para promocionar o turismo de saúde e benestar existente que, segundo dixo, “se atopa á cabeza de España tanto pola diversidade da súa oferta -21 balnearios- como polos servizos que ofrece”.

Doutra banda, a secretaria xeral para o Turismo fixo especial fincapé nas modernas comunicacións existentes por aire, mar e terra para achegarse a Galicia, un destino que cualificou de “seguro e moi tranquilo, coas taxas de criminalidade máis baixas de Europa”. Segundo os datos da Oficina Estatística da Unión Europea, Eurostat, a cidade de Santiago de Compostela foi en 2007 a segunda máis segura de toda a UE. Ao longo da presentación da oferta turística galega, proxectouse asemade un vídeo promocional da cultura, o turismo e as tradicións da Comunidade.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia