Skip to main content

A marca Galicia, na roupa deportiva das seleccións galegas en Londres 2012

A Xunta de Galicia, a través dun acordo de colaboración asinado entre as Secretarías Xerais para o Deporte e para o Turismo, promocionará a nova marca Galicia mediante dúas iniciativas que empregarán como soporte a roupa dos deportistas da nosa comunidade: a vestimenta das seleccións galegas e mailo programa Galicia-Londres 2012.

Deste xeito, o convenio –asinado nun acto no que interviron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, a taekwondista do equipo preolímpico, Estefanía Hernández, e o campión olímpico, Antón Paz- permitirá coordinar a acción da Xunta na promoción de Galicia e no apoio aos deportes e aos deportistas galegos.

A iniciativa das seleccións galegas dotará coa marca Galicia aos equipaxes dos distintos combinados da comunidade, que lucirán nas diferentes competicións nas que tomen parte durante o ano. Neste contexto, cómpre lembrar que a marca Galicia está xa presente na roupa de adestramento e competición de seleccións como as de atletismo baloncesto, balonmán ou triatlón.

Pola súa banda, o programa Galicia-Londres 2012, desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte co obxectivo de incrementar as opcións dos deportistas galegos de chegar á cita olímpica do vindeiro verán, sumarase a esta promoción da marca Galicia mediante a súa inclusión na roupa dos deportistas. O secretario xeral para o Deporte recordou que a finas do ano 2010 asináronse convenios con diferentes federacións galegas para desenvolver actuacións con aqueles deportistas que, como no caso de Estefanía Hernández, están ás portas da súa clasificación olímpica. Lete Lasa concluíu dicindo que “agora garantimos o apoio económico, e para 2 anos, dos nosos olímpicos, como Antón Paz, e dos que o poden ser, como Estefanía Hernández”.

Neste sentido, compre lembrar que nos pasados Xogos participaron 12 olímpicos galegos e 5 paralímpicos, namentres que no 2004 as cifras alcanzaron os 16 e 5 respectivamente. Coa sinatura deste acordo, a marca Galicia estará representada en Londres o ano que ven a través dos mellores embaixadores posibles: os olímpicos galegos.

“A marca Galicia, gárdasme o segredo? estará presente a partir de agora en todas as competicións nas que participen os nosos deportistas. É moito máis que unha frase promocional ou unha imaxe gráfica; é unha transmisión dos valores emocionais ligados a nosa terra e que agora será divulgada e exportada máis aló das nosas fronteiras, en citas tan importantes como son unhas Olimpiadas, nas que o mundo enteiro pousa a súa mirada”, explicou a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo.

E concluíu: “Estar cos nosos deportistas é unha ocasión única para dar a coñecer o potencial que posúe o noso territorio e a valía do noso deporte, un auténtico abandeirado dos valores máis nobres que xorden nun lugar grazas ao tesón e ao esforzo dos xogadores”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia