Skip to main content

Turexpo 2011 preséntase como un espazo de converxencia para o sector

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asegurou que o salón Turexpo Galicia 2011 “está chamado a ser un importante lugar de encontro, promoción e negocio para o sector turístico de Galicia”. Segundo afirmou o conselleiro durante a inauguración da segunda edición do Salón Turístico de Galicia, “nos próximos días, a Feira Internacional de Galicia, o concello de Silleda e toda a comarca do Deza transformaranse nun espazo de converxencia deste sector estratéxico da nosa economía, nunha excelente plataforma de contratación turística e nun gran escaparate de numerosas propostas e destinos”. O acto inaugural contou ademais coa participación da alcaldesa de Silleda, Ofelia Rey, e da directora da Fundación Semana Verde, Paloma Hidalgo.

Para Roberto Varela, Turexpo 2011 servirá do 25 ao 27 de marzo de espazo relacional co obxectivo de fomentar “múltiples acordos comerciais entre a oferta e a demanda do turismo de calidade, cunhas 3.500 reunións de negocio concertadas”. Coa participación de 100 touroperadores e xornalistas de tres continentes diferentes e máis de 20 países, o salón permitirá “coñecer e chequear amplamente a nosa comunidade como multidestino turístico”. Con esta intención, a Consellería de Cultura e Turismo, a través de Turgalicia, participa en Turexpo cun expositor de deseño que “servirá para dar a coñecer a oferta turística xeral de Galicia, unha terra cun patrimonio natural e cultural único, aberto ao mundo, pero que garda segredos por descubrir”.

O conselleiro destacou ademais a importancia da celebración das xornadas técnicas que permitirán abordar aspectos relativos ao coñecemento e á innovación. “Reflexionar sobre a nosa actividade e formarnos nun ámbito tan dinámico e competitivo como o sector turístico é, sen dúbida, un traballo clave para o éxito”, apuntou.

Resultados Turexpo 2009

Unha das atraccións da segunda edición do Salón Turístico de Galicia será a Bolsa de Contratación Turística que xa acadou un resultado moi satisfactorio na pasada edición de Turexpo en 2009, na que os participantes na mesma tiveron a oportunidade de poñerse en contacto con 88 turoperadores de 21 países.

Na edición pasada houbo un total de 77 operadores internacionais e celebráronse 3.380 reunións de negocios. O elevado número, tanto de operadores turísticos como de encontros, converteron a Bolsa de Turexpo na maior organizada ata o momento en Galicia.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia