Skip to main content

Presentouse o programa do 800º anivesario da Catedral de Santiago de Compostela

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou nun acto celebrado na cripta románica da Catedral de Santiago a programación para o 800 aniversario da consagración do templo compostelán froito da colaboración co Consorcio de Santiago. O conselleiro destacou á Catedral como un “patrimonio fundamental da arte universal está representado o talento e o esforzo dos galegos, que a través dos séculos contribuíron a outorgarlle o seu actual aspecto e a súa imperecedoira relevancia”.

O acto de presentación contou coa presenza do alcalde de Santiago e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o deán da Catedral, José María Díaz; o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva; coa subsecretaria do Ministerio de Economía y Hacienda, Juana María Lázaro e coa subsecretaria do Ministerio de Cultura, Mercedes Elvira del Palacio. Roberto Varela manifestou na súa intervención “o compromiso da Consellería de Cultura e Turismo para que o fenómeno xacobeo siga co seu imparable crecemento” e amosou o seu convencemento de que “estes actos que hoxe se presentan, e moitos outros nos que se está a traballar, completarán unha programación ampla e de calidade”.

Entre as actividades programadas para este Oitavo Centenario, o responsable da área de Cultura subliñou “o labor de restauración e melloras no templo compostelán”. As obras da fachada da Acibechería, na Torre do Reloxo e nas cubertas do Pórtico da Gloria representan segundo o conselleiro, “unha prioridade para nós” e “amosan o empeño por conseguir que a Catedral ofreza a súa mellor faciana 800 anos despois da súa consagración”.

Do mesmo xeito, Roberto Varela fixo referencia ao programa musical que “terá un lugar privilexiado neste 800 aniversario”. O conselleiro lembrou a declaración do ano 2011 pola Xunta de Galicia como Ano da Música e destacou importantes eventos como o ciclo Galicia Classics que achegará “algunhas das figuras musicais máis importantes do mundo”, ou o Festival Via Stellae que “alcanzará a súa sexta edición e volverá a encher da mellor música os lugares máis emblemáticos de Compostela”.

Varela recordou asemade que en 2011 desenvolverase a segunda edición do Congreso Internacional de Literatura de Viaxes, Litvi, que “comezou a súa andaina o pasado ano co impulso do Xacobeo”. Segundo informou o conselleiro, o congreso “contará con algunhas das firmas máis prestixiosas e estará centrado nas Catedrais de Europa”.

800 aniversario

O 800 aniversario da consagración da Catedral de Santiago representa unha “efeméride histórica” que chega, en verbas do conselleiro, “nun momento no que o fenómeno xacobeo está a experimentar as cotas máis altas de popularidade e dinamismo dende o descubrimento dos restos do Apóstolo hai máis de mil anos”.

Segundo salientou Varela no seu relatorio, “o maxestoso perfil do templo compostelán e as súas torres seguen a ser motivo de orgullo e inspiración para todos os galegos e para os millóns de persoas que ano a ano nos visitan”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia