Skip to main content

A Xunta considera lamentable a falta de compromiso do Goberno central co Xacobeo 2010

A Xunta de Galicia considera lamentable a falta de compromiso e de apoio do Goberno de España coa recente celebración do Xacobeo 2010. Durante este último Ano Santo a Consellería de Cultura e Turismo púxose en contacto con diferentes órganos do goberno central para solicitar colaboración co Xacobeo 2010. Ao longo do pasado ano, a Xunta de Galicia fixo públicas de forma reiterada as súas denuncias sobre a falta de implicación do Goberno central no Xacobeo 2010 e as limitacións da súa programación cultural.

O Goberno de España, a través da Dirección General de Loterías y Apuestas del Estado, non fixo máis que poñer atrancos e retrasar canto lles foi posible as xestións feitas pola Consellería de Cultura e Turismo para que non se producise a colaboración que se prometera e á que instou o Congreso dos Deputados ao Goberno no pasado mes de abril de 2010.

Xa o 31 de marzo de 2010 o Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, enviou un escrito ao Director General de Loterías y Apuestas del Estado, Gonzalo Fernández Rodríguez, quen meses despois trasladou en conversación telefónica a negativa de Loterías y Apuestas de participar no Xacobeo. A Xunta de Galicia non desistiu, e o conselleiro Roberto Varela reuniuse co director de Loterías y Apuestas, volveu enviar outra carta, posteriormente un fax e solicitou a través de todos os medios posibles a colaboración ou patrocinio deste organismo estatal no Xacobeo 2010.

O 21 de decembro a Consellería de Cultura e Turismo envía un fax xuntando un proxecto de convenio de colaboración e un programa de actividades e lamentando que a Dirección General de Loterías y Apuestas del Estado deixase transcorrer o ano Xacobeo enteiro para amosar a súa predisposición ao patrocinio de eventos concretos cando había nove meses que a Xunta negociara directamente con eles esa posibilidade. Finalmente, o 28 de decembro o Sr. Fernández Rodríguez remite un escrito no que desbota definitivamente a posibilidade de colaborar co Xacobeo. Así pois, o único claro e manifesto foron os obstáculos, a desidia e a falta de interese por colaborar co Xacobeo 2010 por parte da Dirección General de Loterías y Apuestas del Estado e, por extensión, do Goberno de España.

Ao longo do pasado ano a Xunta de Galicia organizou máis de 2.200 actos culturais en 280 localidades galegas aos que asistiron máis de sete millóns de persoas, e todo elo conseguiuse con moito esforzo e coa colaboración das 23 empresas patrocinadoras, pero sen o apoio do Goberno central. O Goberno de España non só manifestou a súa falta de apoio á celebración do Xacobeo 2010 sen as aportacións económicas que un evento desta magnitude merece, senón que asemade, o Presidente do Goberno, Jose Luis Rodríguez Zapatero non foi quen de visitar Galicia durante o transcurso da celebración do Ano Xubilar.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia