Skip to main content

A Xunta aposta por colaborar cos consulados para promocionar Galicia no mundo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou pola colaboración entre a Xunta e o corpo consular acreditado en Galicia para potenciar a imaxe da Comunidade no mundo e alcanzar unha maior presenza das empresas galegas nos mercados internacionais. Nun encontro cos cónsules, Feijóo destacou a importancia de potenciar alianzas, tecer redes, unir esforzos, aproveitar sinerxías e orientar na mesma dirección os medios dos que se dispoñen para acadar a internacionalización das empresas galegas.

Deste xeito, o responsable do Goberno galego recoñeceu o papel importante que neste proceso teñen os cónsules, transmisores de información acerca das oportunidades de negocio, tanto en Galicia como, principalmente, nos países que representan. E que, ademais, poden ser os mellores representantes de Galicia nos seus países, colaborando en misións empresariais e na intensificación das nosas relacións coas institucións locais; e poden, tamén, defender os intereses de Galicia, fomentando o vínculo empresa-país e potenciando un canal de comunicación fluído e directo entre administracións e empresarios.

Feijóo reiterou que a Xunta entende a internacionalización como unha responsabilidade, unha oportunidade e unha vocación. E, ademais, unha obriga no mundo que vivimos actualmente; a clave que reforza o noso crecemento e o noso nivel de competitividade.

Así, recordou que desde o Goberno galego estase a traballar cara a dentro, pero tamén cara a fóra, en torno a catro eixes sectoriais: consolidando canais de participación nos asuntos europeos e internacionais, co obxectivo de promover e defender os nosos intereses; intensificando a nosa cooperación con Portugal para gañar centralidade en Europa, continuando cos traballos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e poñendo en marcha a Macrorrexión que suma tamén a Castela e León; intentando reforzar o noso compromiso cun mundo máis xusto mediante unha estratexia de cooperación ao desenrolo, que nos leva a desenvolver proxectos en 13 países, a maioría en Lationoamérica e África; e afondando nas históricas relacións que nos unen a Latinoamérica.

Para acadar estes obxectivos o responsable da Xunta resaltou que o Executivo autonómico dotouse de instrumentos e acordos. Instrumentos como o Consello de Acción Exterior, creado en abril de 2010 como órgano asesor para o deseño de estratexias, plans e programas no ámbito da acción exterior e, nesta mesma liña, o Consello Galego de Internacionalización Empresarial.

No tocante aos acordos, referiuse ao alcanzado coas Asociacións de Empresarios Galegos no Exterior, coas Cámaras de Comercio ou coa Confederación de Empresarios de Galicia para a creación dunha rede de plataformas empresariais no exterior que suporá que neste mesmo ano, Galicia porá en funcionamento 11 oficinas en todo o mundo, ás que unirá outras tres no primeiro semestre do ano próximo.

O presidente do Goberno galego aproveitou o encontro para agradecer aos cónsules acreditados na Comunidade o seu labor e dedicación.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia