Skip to main content

Inaugúrase o XII Salón Galego de Gastronomía e Turismo Xantar 2011

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela presidiu a inauguración da XII edición do Salón Galego de Gastronomía e Turismo Xantar 2011, que se celebra ata o domingo día 6 de febreiro no recinto feiral de Expourense. No marco deste evento, o conselleiro realizou ademais unha presentación da Cidade da Cultura de Galicia ante a prensa especializada que realiza a cobertura de Xantar 2011. Tras o acto inaugural, o conselleiro realizou un percorrido polos expositores da feira, acompañado entre outras autoridades pola secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez.

Na súa intervención o conselleiro presentou Xantar 2011 como “unha gran feira que fomenta a gastronomía como embaixadora da cultura e o turismo, un foro fundamental para dar a coñecer a cociña galega”. Roberto Varela asegurou que a gastronomía é “unha parte imprescindible da cultura galega e supón un reclamo turístico de primeira orde, feito que sitúa a nosa comunidade como unha potencia gastronómica internacional”. Do mesmo xeito, manifestou que este éxito da nosa cociña “débese principalmente ás nosas materias primas do mar e da terra, que son, sen esaxerar, as mellores do mundo; e aos nosos cociñeiros, que extraen dos fogóns, con esmero e agarimo, o máximo partido deses alimentos”.

O titular de Cultura e Turismo recordou que “Galicia tamén é unha terra de grandes teóricos da gastronomía, aí están para demostralo as obras imperecedoiras de Picadillo, Julio Camba, Emilia Pardo Bazán ou o propio Álvaro Cunqueiro, unha figura máis viva que nunca neste ano 2011 no que celebramos o centenario do seu nacemento”. O conselleiro salientou que os libros de Cunqueiro en materia gastronómica seguen a ser lidos en todo o mundo e citou unha idea do seu tratado A Cociña Galega: “sen coñecer as verdadeiras riquezas da cociña propia, nunca será doado apreciar os misterios das cociñas alleas”.

Neste sentido, Roberto Varela afirmou que “unha das principais razóns que fan de Xantar 2011 unha feira tan atraínte como necesaria é que a que a gastronomía do noso país ten unha riqueza tal, que garda segredos infinitos mesmo para os propios galegos”. “De todos xeitos, é importante non esquecer que a cociña galega vive un constante proceso de renovación grazas ao pulo de cociñeiros moi novos que están a concentrar unha crecente atención cara a nosa terra”, engadiu.

Segundo o conselleiro, “esta duodécima edición Xantar conseguirá reunir unha vez máis nun mesmo espazo os menús de toda Galicia, onde milleiros de galegos e de visitantes de fóra da nosa Comunidade poderán degustar, entre moitos outros, os sabores do Entroido ourensán, o polbo de San Froilán ou a lagosta de A Guarda”. “Pódese dicir que Xantar marca o punto de partida para as máis de 300 festas gastronómicas que ao longo do ano enriquecen o conxunto do territorio galego”, concluíu.

A gastronomía como eixo de atracción turística

Dentro desta primeira xornada de Xanta 2011, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, inaugurou o VI Encontro Ibérico sobre Dieta e Saúde, onde explicou as estratexias de promoción da gastronomía e o turismo da Xunta de Galicia. Na súa intervención, destacou a importancia de ter dotado a Galicia do primeiro Plan de Gastronomía, dado que esta constitúe a segunda motivación turística dos millóns de turistas que se achegan á nosa comunidade. Durante a súa intervención, Carmen Pardo abordou a gastronomía galega dende dous aspectos diferentes: a gastronomía como produto turístico principal e como produto turístico complementario doutros elementos.

Dende a Secretaría Xeral para o Turismo, segundo explicou a secretaria, promoveuse a gastronomía como produto turístico principal a través de actuacións de promoción específica, como a acción celebrada no mercado madrileño de San Miguel ou a participación en eventos como Millesime, Xantar ou o Forum Gastronómico. Carmen Pardo tamén destacou o éxito dos proxectos europeos Cantata ou Rutas do Viño; as iniciativas como o programa Vive Galicia; a posta en marcha das políticas de apoio ao sector, como as ordes de axudas para a mellora de restaurantes por valor de 1 millón de euros para este 2011; ou os convenios coas asociacións de hostalería galegas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia