Skip to main content

Novembro foi o máis frío dos últimos 37 anos

Así se extrae do informe climático do ano 2010 elaborado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Como exemplo deste comportamento, nos primeiros días do ano (entre o 7 e o 11 de xaneiro) Galicia estivo afectada por unha invasión de aire ártico marítimo que ocasionou a presenza de neve practicamente ao nivel do mar e unhas temperaturas moi baixas neste período. Posteriomente, unha masa de aire cálido procedente do sur desprazou ao aire de orixe ártica. Esta discontinuidade alimentou un fenómeno de cicloxénese (Flora) que na madrugada do 14 de xaneiro ocasionaba importantes danos en puntos da Comunidade. Outro fenómeno salientable foi o paso da cicloxénse explosiva Xynthia, que o pasado o 27 de febreiro afectaba á Comunidade. Outro episodio de inundacións acontecido na Mariña lucense entre os días 9 e 10 de xuño, con acumulados que nalgún punto chegaron a superar os 200 l/m² nas 48 horas nas que durou este adverso climatolóxico. As situacións cambiantes mantivéronse ata a chegada dos meses de verán.

Asemade, co comezo do outono, rexistrouse novamente a circulación meridiana e no contacto entre masa de aire cálidas e frías alimentáronse diferentes cicloxéneses explosivas. A máis salientable foi Becky, entre o 8 e o 9 de novembro, que ocasionou ondas superiores aos 10 metros de altura. Nos últimos días de novembro e principios de decembro rexistrouse unha nova entrada de aire ártico marítimo que deixou temperaturas moi baixas, con rexistros mínimos históricos nun mes de novembro e nevaradas copiosas en cotas baixas, principalmente na tarde do 29 de novembro e 3 de decembro.

Tamén é reseñable os fortes fenómenos treboentos cos que comezou a estación estival. A modo de exemplo, o pasado 25 de xuño chegaron a acumularse ata 23 l/m² en soamente 10 minutos na cidade de Lugo. Tamén é salientable os máis de 700 raios que se rexistraron no territorio galego o 8 de xullo.

O período máis estable do ano foi a segunda quincena de xullo e o mes de agosto, cando Galicia viviu 5 semanas consecutivas de tempo anticiclónico, en xeral seco, soleado e con altas temperaturas.

Deste informe despréndese que os meses de verán variaron entre normais e cálidos no interior da Coruña e Lugo e moi cálidos na costa e sur de Galicia. O outono comezou con valores cálidos, especialmente os valores máximos no mes de setembro, e finalizou cun mes de novembro moi frío.

Á vista dos datos recompilados, as temperaturas da provincia da Coruña oscilaron entre os -6.7ºC en Monfero (xaneiro) e os 37.1 ºC en Boqueixón (xullo). En Lugo entre os -10.4 ºC en Cervantes (xaneiro) e os 36.9 ºC de Bóveda (agosto). En Ourense entre os -11.9 ºC de Manzaneda (xaneiro) e os 39ºC de Leiro (xullo). Finalmente, en Pontevedra as temperaturas variaron entre os -6.7ºC de Lalín (marzo) e os 38.5 ºC de Mondariz (xullo).

Cómpre subliñar o mes de novembro, xa que se trata dun período no que se rexistraron temperaturas mínimas históricas e nevaradas en cotas baixas, polo que este mes foi o máis frío dende o ano 1973. A modo de exemplo as temperaturas mínimas rexistradas o pasado 29 de novembro foron: nas estacións da Coruña (2.3 ºC), Campus de Lugo (-5.2 ºC) e Lourizán (-0.9 ºC).

Precipitacións

En canto as precipitacións recollidas, o ano pode considerarse húmido nas provincias de Lugo e Ourense, normal no norte da Coruña e moi seco no resto da Coruña e Pontevedra. En definitiva, destacan os meses de abril e agosto polos reducidos valores acadados, sendo os meses de febreiro e outubro os máis chuviosos.

Considerando os valores mensuais de chuvia, na Coruña o valor máis alto foi 394 l/m² no concello de Zas (outubro), en Lugo 278 l/m² en Viveiro (novembro), en Ourense 400 l/m² en Manzaneda (outubro) e en Pontevedra 500 l/m² en Fornelo de Montes (outubro).

En canto aos valores diarios máis altos destacan na Coruña os 112 l/m² en Santa Comba (o 13 de novembro), en Lugo os 120 l/m² de Burela (9 de xuño), en Ourense os 159 l/m² de Manzaneda (o 3 de outubro) e finalmente en Pontevedra os 203 l/m² de Fornelos de Montes (o 3 de outubro de 2010).
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente