Skip to main content

Presentada a primeira Marca Turística Galicia que implica a todo o sector

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou, no acto de presentación da Marca Turística Galicia, que a comunidade estrea a súa primeira marca turística, que será “de todos” e que aspira a consolidar a súa oferta tras un Xacobeo histórico. “Nunha etapa histórica –dixo- na que as posibilidades de elección para o turista aumentaron de forma exponencial, Galicia inicia un proceso fundamental para distinguirnos no mercado se cabe un pouco máis que ata agora”.

Aínda que Galicia podería venderse perfectamente soa, Feijóo aseverou que “imos seguir axudándoa cunha marca creativa, propagada e convenientemente popularizada e, que é a gran carencia que tiña ata agora a nosa terra para poder competir no mundo da imaxe, a comunicación e as redes sociais. Na ardua tarefa de reforzar un sector tan vital como o turismo en plena crise económica, optamos por dar unha resposta galega ao futuro turístico galego, que debe escribirse coa participación dos cidadáns galegos”.

Feijóo lembrou que “temos unha fórmula secreta cuxos ingredientes están repartidos en rías e montes, en santuarios e catedrais, en camiños e cidades, en cruceiros e augas termais, en faros e murallas, en xardíns e casas rurais. Temos un mercado consolidado, que conforman os visitantes que chegaron a través das rutas de peregrinación, ou por terra, mar e aire para gozar do resto da oferta deseñada no Plan de Acción de Turismo 2013. E grandes perspectivas de futuro que nos fan pensar en continuar este Ano Santo con máis de oito millóns de visitantes o próximo exercicio, grazas ao oitavo centenario da Catedral compostelá, á apertura dos primeiros edificios da Cidade da Cultura o próximo mes de xaneiro, ou ao atractivo do noso Patrimonio repartido por toda a xeografía”.

Diante deste panorama, o responsable do Goberno galego subliñou que “de pouco serviría ter un pasado cunha identidade cultural acreditada, se non salvagardamos un futuro cunha identidade turística que nos axude a consolidar a nosa posición no resto de España, de Europa e do mundo. Como fixemos noutros dos nosos principais sectores produtivos, como o lácteo, o pesqueiro, o automobilismo, o enerxético, o naval... tamén nos rebelamos contra o inmobilismo no sector turístico porque sabemos que, o contrario, significaría facer retroceder o enorme patrimonio que as xeracións pasadas nos legaron”.

A posta en marcha da primeira marca turística evidencia, segundo o presidente da Xunta “que non necesitamos inventar un novo país, senón amoldar aos retos e aos códigos de hoxe o que xa temos”. E neste sentido, referiuse a nova caixa, “a suma das dúas grandes entidades que xa existían en Galicia”; ao concurso eólico, “construído sobre o liderado co que xa contamos desde hai tempo no sector”; e ao Xacobeo, “a renovación dun símbolo histórico da nosa terra como o Camiño de Santiago”, e explicou que algo similar ocorre coa nova imaxe que Galicia quere proxectar de si mesma a partir de agora, “e que se move na disxuntiva de aproveitar, por unha banda, todos os matices que se asocian a esta terra desde outrora e, polo outro, de modernizalos para ensinalos ao mundo do xeito máis actualizado e atraínte. Galicia reinterpreta hoxe a súa efixie coa primeira marca turística da súa historia, pero sen deixar de ser ela mesma”.

Dar continuidade ao galeguismo máis tenaz, unificador e aperturista

Así mesmo, salientou que poñer en marcha por primeira unha marca turística de Galicia tamén significa dar continuidade a aquela época dourada do galeguismo máis tenaz, unificador e aperturista. “Con este proxecto que implica a un dos nosos sectores produtivos máis importantes como o turismo, e que involucra á sociedade en xeral, volve quedar de manifesto que nos momentos máis difíciles, en lugar de ensimesmarse, Galicia prefire moverse como nunca para buscar a mellor localización posible no futuro”.

Logo de agradecer ao sector que se sume a este proxecto, Feijóo animou a todos os cidadáns a que se converta nun éxito colectivo e nunha marca de país que nos defina como un pobo sinxelo, cunha riqueza única, misterioso e respectuoso co pasado, e con grandes esperanzas no futuro. “Hai unha palabra que congrega a galegos de xeracións diferentes, con ideas distintas do noso país e no que caben cada provincia, cada mancomunidade, cada concello e cada cidadán. Galicia é a marca de todos. Ninguén mellor que os galegos para apropiarse desa marca e dar a coñecer todos os nosos segredos”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia