Skip to main content

Presentado o Plan de Competitividade Turística Portas de Galicia

A secretaria xeral para o Turismo, Mª Carmen Pardo López, asinou en Madrid o Plan de Competitividade Portas de Galicia, xunto ao secretario xeral de Turismo e Comercio Interior, Joan Mesquida, por un valor de 2,5 millóns de euros para fomentar o desenvolvemento turístico dos doce concellos pertencentes ás comarcas ourensanas de Monterrei-Verín e Viana do Bolo-Conso Frieiras.

O plan, promovido pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, conta, ademais da propia Consellería, coa participación de Turespaña, a Asociación de Municipios para o Plan de Competitividade Turística das Comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras e a Asociación de Empresarios do Turismo de Hostelería Portas de Galicia.

O obxectivo final do Plan é o de crear unha marca turística sólida xeradora de experiencias e cohesionadora do destino nesa área xeográfica galega, porta de entrada natural a Galicia dende a meseta castelá, ademais de ser fronteira con Portugal.

Castrelo de Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso son os doce concellos que se beneficiarán do Plan, que se enmarca dentro das políticas turísticas deseñadas polo Plan do Turismo Español Horizonte 2020 e que ten unha vixencia de catro anos de duración.

Cada unha das tres administracións implicadas (Xunta de Galicia, Turespaña e a Asociación de Municipios que representa ás comarcas de Monterrei e Conso-Frierias) participa cun 33% do total do investimento. Ademais o acordo recolle unha achega privada, dado que a Asociación de Empresarios de Turismo e Hostelería Portas de Galicia se compromete a involucrar aos seus membros para que leven a cabo investimentos por un valor de 60.000 euros, encamiñados á adecuación da oferta de produtos e servizos.

Para lograr unha boa execución do Plan de Competitividade crearase unha Comisión de Seguimento sen personalidade xurídica, que será a encargada de funcións como a eliminación ou aprobación de novas actuacións, programación, resolución de problemas de interpretación do convenio ou autorizar e supervisar o labor da xerencia, dedicada a impulsar, difundir, coordinar e efectuar propostas sobre as actuacións do Plan e solicitar a documentación para a xustificación das actuacións.

Obxectivos

A vocación do sector turístico como instrumento de reequilibrio territorial se plasma nesta aposta polo interior galego; Este convenio entre as tres institucións ten como obxectivo conseguir a diferenciación e especialización da oferta, tanto no destino en si mesmo como nos produtos turísticos que se ofrecen para introducir a experiencia turística como elemento motivador da viaxe. Ademais o Plan persegue o desenvolvemento de políticas de xestión a partir de novas formas de colaboración público-privado que propicien a mellora económica e social do territorio, a desestacionalización do turismo, a mellora da calidade do emprego e da competitividade das pymes turísticas.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo apoia este convenio coa finalidade de mellorar a situación turística da Comunidade Autónoma, a través de diferentes actuacións como a promoción de plans, programas e normas para a modernización e adecuación da industria turística ás tendencias da demanda. Con este convenio a provincia de Ourense recibirá o impulso necesario para situala como un destino turístico de referencia en Galicia.

Actuacións

Coas Portas de Galicia visualízase o Plan de Competitividade, que contempla outras actuacións como a estruturación do destino a través de varias accións, como un tren turístico, proxectos innovadores como a creación dun produto turístico baseado na idea dun bosque máxico galego, rutas na Vía da Plata e a Calzada Romana, potenciación de produtos agroalimentarios, con experiencias enogastronómicas variadas, entre outros.

O Plan do Turismo Español Horizonte 2020 ten como obxectivo principal que no ano 2020 o sistema turístico español sexa o máis competitivo e sostible, aportando o máximo benestar social. Este proxecto turístico busca revalorizar aqueles recurso que fomenten o equilibrio socio-territorial do turismo, creando novas categorías do produto capaces de operar todo o ano sobre a base da diferenciación e especialización dos destinos turísticos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia