Skip to main content

Galicia acolle por primeira vez a celebración da Mesa de Calidade Turística Española

Galicia acolleu por primeira vez a celebración da décima Mesa de Calidade Turística Española na que participan varios directores xerais de Turismo de toda España, nunha xuntanza na que Galicia exerceu de comunidade anfitrioa.

Os directores xerais de Turismo acudiron á invitación realizada pola Secretaría Xeral para o Turismo de realizar esta reunión de análise do sector turístico, coincidindo coa celebración do Ano Santo.

A Mesa de Calidade Turística Española, que se celebrou por primeira vez o 13 de xullo de 2005, é o foro que asegura a participación das administracións e o sector empresarial nos proxectos de calidade turística. É a primeira vez que Galicia participa nesta Mesa.

Ás actuais comunidades permanentes da Mesa –Cantabria, Comunidade Valenciana e Illas Baleares-, sumáronse tamén nesta ocasión, xunto a Galicia, Murcia e País Vasco. A representación das comunidades neste foro realízase mediante quendas rotatorios de dous anos, o que posibilita que cada comunidade teña representación por períodos de catro anos.

Con posterioridade á celebración da Mesa, o director xeral de Turespaña, Antonio Bernabé, realizou a invocación ao Apóstolo, acompañado de todos os directores xerais de Turismo de España, na Misa do Peregrino.

O xoves 28 terá lugar tamén en Santiago a reunión ordinaria da Mesa de Directores Xerais de Turismo na que están representadas todas as Comunidades Autónomas españolas.

Calidade vs Cantidade

Mª Carmen Pardo resaltou, no caso da comunidade galega, a aposta pola calidade que se está realizando dende o seu departamento, plasmada no conxunto de ordes de axudas lanzadas ao sector, como por exemplo as relativas á potenciación e mellora do turismo rural, do turismo activo e de aventura, a dedicada á innovación, renovación e implantación da xestión da calidade ambiental dos campamentos turísticos ou a enfocada á potenciación do turismo de saúde, onde se fai fincapé na creación e mellora dos hoteis balneario e hoteis talaso, valorada en tres millóns de euros.

A coordinación e colaboración cos servizos de ordenación, inspección e fomento da Secretaría Xeral así como o fortalecemento do sector a través do Plan de Calidade Turística de Galicia son outras dos dous acordos máis importantes conseguidos na nosa comunidade.

Ademais Galicia conta tamén, dende maio pasado, cunha delegación do Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE). Neste sentido, Turgalicia actúa como interlocutor entre o instituto español e as entidades turísticas galegas, velando polo correcto desenvolvemento dos procesos de calidade, de acordo aos regulamentos e procedementos existentes nesta materia, así como potenciar, promocionar e difundir a cultura da calidade en Galicia. Con esta son xa 22 o número de delegacións coa que conta o ICTE ao longo da xeografía española.

Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral, rubricou tamén durante este ano distintos convenios de colaboración con asociacións turísticas galegas, co fin de fomentar a implantación da marca “Q” de Calidade Turística nos sectores de axencias de viaxe, aloxamentos turísticos e restauración, a maior aposta dende a creación da Q, posto que o apoio da Secretaría Xeral vai para a certificación e a renovación, e aplícase a todos os diferentes subsectores turísticos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia