Skip to main content

Expertos internacionais presentan novidades en investigación termal

Máis de 40 expertos procedentes dunha quincena de países acudirán ó V Encontro Internacional sobre Auga e Termalismo para presentar experiencias pioneiras en investigación termal. Celebrarase en Expourense entre o 14 e o 17 de outubro de xeito paralelo a Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal. Trátase do único encontro a nivel mundial no que conflúen todos os axentes do sector de Europa e América Latina para poñer en común as experiencias e proxectos innovadores. Como é habitual, este foro internacional artellarase en catro xornadas: Hidroloxía Médica; Turismo, Innovación e Sostenibilidade; Encontro de Cidades Termais e Rutas.

A práctica da cultura da auga como prevención e a rehabilitación será o tema que centre a Xornada Técnica sobre Hidroloxía Médica que tamén incluirá unha mesa de debate sobre os perímetros de protección dos mananciais. Organizada de forma conxunta coa Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, nesta xornada participarán relatores de Eslovaquia, México, Francia, Islandia e Italia, ademais dos de España e Portugal.

Entre as ponencias desta sesión destaca a presentación dos novos tratamentos que se están a levar a cabo en Francia para paliar con hidroterapia enfermidades como o tabaquismo ou a fibromialxia. Sinalable á tamén a presentación dos tratamentos dermoestéticos e con sílice realizados no balneario xeotermal de Bluelagoon en Islandia.

Outra das novidades desta edición será a presentación dos estudos termais máis novidosos pola Fundación para a Investigación Termal en Italia. Por outra parte, farase ademais unha demostración práctica de fisioterapia acuática onde os membros do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia amosarán o tipo de traballos que realizan nos centros termais.

Ó día seguinte, venres 15 de outubro, celebrarse a Xornada sobre Turismo, Innovación e Sostibilidade. Haberá unha sesión centrada na presentación de experiencias vencellados ó turismo de saúde procedentes de México, país convidado nesta edición de Termatalia, das Illas Azores, de Lituania e España. Tamén se presentará nesta xornada o Observatorio Nacional de Termalismo, de recente creación.

Nesta mesma xornada celebrarse unha mesa sobre Márketing e Investigación na que presentarán as súas experiencias os balnearios de de Bad Wörishofen en Alemaña. E o de Chulilla en Valencia.

A xornada rematará cunha sesión sobre Medio Ambiente e Sostibilidade na que o Instituto Termal de Dax, en Francia, presentará os resultados dunha investigación sobre un prototipo de auga termal para a desinfección de piscinas de uso público. Pola súa parte, a Asociación Nacional de Empresas de Augas de Bebidas Envasadas, ANEABE, dará a coñecer os estudos sobre os envases de auga menos contaminantes.

Nesta xornada abordarase tamén a comercialización do produto “turismo de saúde” nas canles convencionais e das novas tecnoloxías e Redes Sociais a través maioristas e axencias de viaxes. Por outra banda, representantes de México, A Arxentina, Colombia e Chile, participarán nunha mesa redonda sobre as novas oportunidades de negocio en América Latina.

O sábado 16 de outubro celebrarse unha nova edición, a sétima, do Encontro de Cidades Termais da que Ourense é socia fundadora xunto a outras urbes do continente. Esta xornada estará enfocada á arquitectura termal e participarán cidades termais de Italia, Reino Unido, Francia e España.

Como é habitual, este encontro finaliza coa organización de varias Rutas Termais por Galicia e Norte de Portugal. O V Encontro Internacional sobre Auga e Termalismo conta co patrocinio da Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia e coa colaboración da Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación e do Concello de Ourense, que patrocina o Encontro de Cidades Termais.

Poderán asistir a este Encontro todos aqueles que o desexen puidendo inscribirse xa a través da web www.termatalia.com. Orientado a profesionais do sector e tamén a estudantes de carreiras como Medicina, Enfermería, Fisioterapia ou Turismo, estas xornadas teñen solicitados créditos de libre configuración para as tres universidades galegas e para a UNED e está solicitada a homologación de formación para docentes.

Silvia Pardo (coordinadora de Comunicación Expourense)