Skip to main content

Leonard Cohen, o 12 de Setembro en Ourense

As localidades pódense adquirir en Caixa Galicia, a través da súa web ou por teléfono no 902434443, e tamén en El Corte Inglés, na web, no teléfono 902400222 e nos seus centros comerciais. Proximamente estarán tamén dispoñibles en Caixanova. Os prezos das entradas en venda anticipada son de 40, 25 e 15 euros, máis gastos de xestión.

Desde o seu regreso aos escenarios en 2008, o artista ofreceu preto de 200 concertos en todo o mundo. Parte xa do Songwriters Hall of Fame de Nova York, Cohen atópase inmerso nunha xira europea que recalará en Ourense da man de Xacobeo 2010 a só dez días de cumprir 76 anos e que será o preludio do lanzamento o próximo ano do seu novo traballo de estudo, sete anos despois de publicar Dear Heather. Neste novo disco os afeccionados á música de Cohen atoparán influencias doutros grandes como Bob Dylan, Judy Collins, Tom Waits ou Van Morrison.

Sen dúbida, o que ofrecerá Leonard Cohen en Ourense será un dos concertos máis emotivos dentro da programación do Camiño da Música. Nesta actuación, o canadense repasará temas do seu último traballo, Live in London, gravado en directo no seu regreso aos escenarios despois de quince anos nunha actuación en Londres en 2008 e que supón un percorrido polas grandes composicións que marcaron os seus 40 anos de carreira profesional.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo