Skip to main content

Turismo colabora con CEHOSGA para a mellora da actividade empresarial e turística

Este convenio foi asinado nun acto no que tamén estiveron presentes os presidentes das Asociacións Provinciais de Hostalería de Galicia, adheridas a Cehosga.

O acordo conta cun investimento total de 390.700 euros, dos que a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, achega un total de 241.935 euros, o que supón o 61,92% do orzamento total.

Entre as actuacións máis destacadas figura a mellora da competitividade en pequenas empresas de hostalería a través da titorización individualizada e unha xornada de comunicación de experiencias por asesorados no programa do pasado 2009.

A realización dun periódico Cehosga, de distribución por toda Galicia e en distintos puntos relacionados co sector en España, que inclúa novas e información de interese para o sector turístico e hoteleiro é outra das medidas que se levarán a cabo.

Tamén consta dentro deste acordo de colaboración a organización do IV Encontro da Hostalería Galega onde se premia a profesionais do sector, incluíndo unha mención especial a un persoeiro destacado pola difusión do turismo en Galicia ou a divulgación e asesoramento na aplicación de normas xurídicas que afectan ao sector.

Ademais, en canto a formación, tamén sobresae a realización do curso Revenue Management como ferramenta imprescindible no sector hostaleiro, onde se dará conta do que é o sistema de xestión da rendibilidade e/ou da produción, consistente en predicir a demanda de clientes en tempo real, a nivel micromercado e optimizar o prezo e a dispoñibilidade de produtos.

Tamén se realizará un curso de comercialización para empresas turísticas en aras do desenvolvemento de novas tecnoloxías como forma de venda, e outro de control e xestión para empresas de restauración que axude a mellorar a xestión deses negocios e o aproveitamento dos recursos, maximizando a rendibilidade e mantendo a mellor satisfacción dos clientes, fomentando á súa vez o turismo de calidade.

Por último poranse en marcha guías Cehosga de promoción turística que dean a coñecer o importante patrimonio galego propoñendo a Santiago de Compostela como punto de chegada á que conducen todos os camiños xacobeos, e de partida cara outros lugares de interese de Galicia. Estas guías distribuiranse en todos os puntos de información turísticos galegos e nos establecementos asociados das diferentes Asociación e Federacións adheridas a Cehosga.

Coas actuacións deste convenio, trátase de aunar esforzos co obxectivo de fixar o papel preponderante que xogará Galicia nos próximos anos e a indución da renda económica derivada do turismo en todos os subsectores, sexan ou non turísticos, que interrelacionan co visitante, como os hoteis, as axencias de viaxe, as oficinas de turismo, o pequeno comercio, etc. Deste xeito, a Administración galega está realizando esforzos tanto para a promoción dos destinos como para a mellora interna dos establecementos en vistas á consecución dun progreso xeralizado da rendabilidade empresarial.
Consellería de Cultura e Turismo