Skip to main content

Presentada en Vigo a LVIII Festa do Viño Albariño de Cambados (Pontevedra)

A secretaria xeral para o Turismo, Mª Carmen Pardo López, presentou en Vigo a edición número LVIII da Festa do Viño de Albariño, que se celebrará en Cambados a partir da vindeira semana. Mª Carmen Pardo López, que estivo acompañada polos organizadores da festa, entre eles o alcalde de Cambados, Luis Aragunde, destacou o peso turístico da “festa vinícola máis antiga de Galicia, un evento que chega con pulos renovados a esta zona das Rías Baixas, xa dende o domingo 25, día grande de Galicia, ata o próximo 1 de agosto, día principal das festividades e día grande de Cambados, o berce por excelencia do albariño”.

Pardo López enxalzou a orixinalidade das actividades preparadas nesta edición para celebrar máis dun lustro de festas, como as degustacións enogastronómicas, os torneos para grandes e pequenos, a XIII Gala do Albariño para premiar a cultura e as artes plásticas, o mundo empresarial galego, entre outros. “A declaración da Festa dende 1.998 como Festa de Interese Turístico Nacional convértena nun dos eventos máis singulares do panorama turístico galego, polo que no horizonte está a vontade, o traballo e o anceio de todos para conseguir a súa catalogación e recoñecemento internacional”.

Neste sentido, a secretaria xeral destacou os múltiples factores que posúe este sector á hora de “incrementar os fluxos turísticos, desestacionalizar a demanda, desenvolver a economía local e rexional, crear unha imaxe de destino de calidade e impulsar a produción”. Despois de salientar que “as terras do Val do Salnés, o Rosal, o Condado de Tea, Soutomaior ou o Val do Ulla son o escenario natural privilexiado onde se albergan deceas de adegas abertas ao público que permiten mergullarse na cultura do viño”, Pardo López destacou os proxectos que se están levando a cabo dende o seu departamento no eido da enoloxía.

“Facer vivir Galicia a través do viño é o cometido que nos propuxemos ao lanzar o programa ‘Vive Galicia’, que conta con tres paquetes específicos que basean a súa oferta no enoturismo das Rías Baixas, combinándoo con outros recursos turísticos como o golf ou o termalismo, a través de novidosos e relaxantes tratamentos de viñoterapia”. O lanzamento do Plan de Enoturismo no vindeiro mes de setembro así como o primeiro Salón do Enoturismo, celebrado en decembro do ano pasado, son outras das accións máis relevantes realizadas neste campo.

As festas do Viño Albariño de Cambados celébranse ininterrompidamente dende o ano 1.952 na vila de Cambados, declarada conxunto histórico-artístico e catalogada como cidade do Viño, integrada dentro do paraugas da Acevin (Asociación Española de Ciudades del Vino).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia