Xacobeo 2010 lanza unha aplicación en realidade aumentada para móbiles

Con esta iniciativa, Xacobeo 2010 dá un novo pulo á utilización das novas tecnoloxías e á súa implantación e desenvolvemento no Camiño de Santiago, en consonancia co avance da sociedade da información, ofrecendo contidos con valor engadido a aquelas persoas e peregrinos que estean interesados en viaxar a Compostela.
O director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, sinalou que as novas tecnoloxías “son unha ferramenta idónea para a transmisión dos valores e o enriquecemento que supón a experiencia do Camiño de Santiago”. Neste sentido, a aplicación móbil contribuirá a que o “espírito de Xacobeo” permaneza no tempo, seguindo os valores baixo os que se trazou a programación de Xacobeo 2010 de desenvolver contidos que trascendan ao Ano Santo, de forma que se conserve a capacidade de atracción tanto de peregrinos coma de visitantes. Para iso, sinalou, é preciso dispor contidos que faciliten e implementen a peregrinación cara Compostela ou a estancia na comunidade.
Na súa intervención, Ignacio Santos destacou que esta aplicación supón “un paso importante no que chamamos Camiño Tecnolóxico” e engadiu que desde xaneiro a web www.xacobeo.es recibiu máis de 900.440 visitas de 672.104 usuarios únicos. Asemade, Xacobeo 2010 dispón dun perfil en Facebook e Twitter con recomendacións para os peregrinos, que conta con 2.806 seguidores. A esta cifra hai que engadir as 55.704 que xa son seareiros do Facebook dedicado á información sobre a programación de Xacobeo 2010.
A realidade aumentada amosa información adicional a unha imaxe captada en tempo real. Para poder empregar esta vantaxe é necesario contar cun teléfono móbil Iphone ou cun sistema operativo Android e ter instalado, ademais, o software Layar, unha aplicación gratuíta que combina a utilización do GPS, a brúxula dixital, a cámara e a conexión permanente a internet, e que posibilita identificar a posición do usuario para ofrecerlle información adicional sobre a imaxe que está a captar neses intres coa súa cámara. Neste sentido, Layar dispón os datos a amosar en “capas” de información.
Neste punto é onde a empresa galega Signo desenvolveu para Xacobeo 2010 unha capa de información que ofrecerá aos camiñantes ou visitantes contidos adicionais e en tempo real sobre albergues, programación ou puntos de interese. Os usuarios, que poderán descargarse esta capa de balde e que xa está operativa, atoparán a información de maneira moi intuitiva, cómoda e áxil, obtendo contidos que se actualizarán de xeito constante e que estará sincronizada coa web de Xacobeo 2010 (www.xacobeo.es). O único requisito para empregar esta capa é o de rexistrarse previamente na web de Xacobeo ou facelo nese mesmo intre a través do seu móbil, xa que o usuario e o contrasinal serán os mesmos para ambas aplicacións.
Así, por exemplo, un peregrino poderá ver os albergues da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo unha vez chegado ao fin dunha etapa, a ficha do establecemento e contacto, a súa posición con respecto ao Camiño de Santiago, ademais de instrucións precisas da ruta que ten que seguir para chegar ata alí. Do mesmo xeito, unha persoa que viaxe a Compostela poderá ver mentres pasea e a través da imaxe que capta nese momento no seu móbil os distintos puntos de interese que pode ver nesa zona, unha ficha completa e galerías de fotos dos mesmos, e, tamén, os próximos eventos dos que pode gozar durante a súa estancia, podendo, do mesmo xeito, delimitar a información que aparecerá na capa ao tempo que permaneza en Compostela.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia