Skip to main content

A Xunta compromete a accesibilidade e mellor conservación da Muralla

A Xunta de Galicia garantirá a accesibilidade e a mellor conservación da Muralla de Lugo na procura de solucións óptimas e compatibles coa integridade do monumento Patrimonio da Humanidade. Así o anunciaron o director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, e o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Antonio Boné, que visitaron a Muralla de Lugo e o Barrio da Tinería para analizar a situación das unidades de actuación UI7 e UI8 dentro do seu programa de rehabilitación.

Para a Consellería de Cultura e Turismo, a solución da accesibilidade ten carácter prioritario e nos últimos meses trabállase no estudo e avaliación das solucións óptimas e máis compatibles coa conservación da Muralla e dos seus valores culturais. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural elaborou un mapa da muralla na que se distinguen as zonas accesibles e as non accesibles, pola propia configuración construtiva da muralla e as pendentes do adarve. Nesta xornada, o director xeral do Patrimonio Cultural reuniuse representante de Barreiras Arquitectónicas de Auxilia Lugo, Aquilino González, para analizar as diferentes opcións de mellora da accesibilidade á Muralla. Rey Pichel informou que se mellorarán as condicións da rampla da porta de Santiago e se promoverán outros puntos de accesibilidade. Neste sentido, procederase a avaliar o posible aproveitamento dunha edificación acaroada á Muralla, na zona da Tinería, provista dun ascensor que permitiría salvar o desnivel co mínimo impacto no monumento.

No que respecta á UI8, descártase o antigo concurso de ideas por considerar que impedía na práctica o desenvolvemento da unidade e a construción das vivendas previstas. Desta maneira, vólvese ao plan especial aprobado na lexislatura anterior ao bipartito e vanse encargar os proxectos para a construción de vivendas e o arranxo de medianeiras.

En canto á UI7, na que o IGVS é propietario de parte do solo xunto con outros dous propietarios, vaise desenvolver polo sistema de compensación, de maneira que as zonas verdes e dotacionais serán comúns, mellorando o servizo á cidade. Proximamente se asinará un convenio entre os tres propietarios de solo nesta unidade de actuación, que permitirá iniciar a redacción dos proxectos e a continuación das escavacións arqueolóxicas, que xa foran iniciadas na parte da unidade correspondente ao IGVS, con importantes achados.

Doutra banda, o director xeral do Patrimonio Cultural explicou que a o coidado e limpeza deste ben patrimonial se está a realizar segundo os prazos e actuacións contemplados no Plan Fitosanitario de Mantemento da Murallla, elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela. Seguindo as datas e accións establecidas por este Plan, esta mesma semana aplicarase un herbicida especial para tratar a vexetación existente antes de proceder, este mesmo mes, á retirada das plantas. As obras de limpeza e mantemento correspondentes a 2009-2010 contan cunha inversión de 201.000 euros, dos que xa se executaron un 80%. Do mesmo xeito, Rey Pichel, avanzou que se está a traballar nun prego para a contratación dos servizos de limpeza con carácter plurianual, cunha inversión estimada de 150.000 euros e unha duración de catro anos.

Outras actuacións

Dentro das actuacións promovidas pola Consellería de Cultura e Turismo na cidade de Lugo, o director xeral do Patrimonio Cultural recordou que proximamente se resolverá o concurso de anteproxectos para contratar o proxecto de rehabilitación do Cuartel de San Fernando como Centro de Interpretación e Museo da Romanización en Galicia, pertencente á Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico, cuxa contratación do proxecto está prevista nesta anualidade.

Doutra banda, tamén está prevista, coa colaboración económica do Ministerio de Cultura, a execución de obras de restauración nos cubos XXXIII e LXXVII da Muralla, porque se atopan nun estado de conservación precario e requiren intervencións tanto para asegurar a estabilidade estrutural deles mesmos como das edificacións inmediatas. O proxecto, que contará cunha inversión de 150.000 euros, está en fase de redacción e estímase factible comezar as obras despois do verán.

Entre outros proxectos, Rey Pichel recordou que o referido ao Circulo das Artes está executado e rematado, pendente da recepción final das obras. Investíronse 532.000 euros para liberar a muralla dun forxado de formigón, iniciar a restauración do tramo do lenzo afectado e recuperar a fachada orixinal do Círculo nese ámbito, coa construción dunha galería que se encadra nas liñas xerais do proxecto de Bellido. Asemade, o Círculo colaborou coa adecuación dos espazos interiores e a construción da escaleira de evacuación.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia