Skip to main content

Case 200 establecementos adheríronse á central de reservas online de Turgalicia

A secretaría xeral para o Turismo, Mª Carmen Pardo López, presentou a nova central de reservas de turismo rural de Galicia da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia (Turgalicia), á que se adheriron xa un total de 194 casas de turismo rural en menos dun mes de funcionamento desta nova ferramenta, sobrepasando así o obxectivo marcado dun cento de casas. O número de casas que se podían reservar on line a través da antiga central de reservas era tan só de 20.

A nova central, que pasou, segundo explicou a secretaria xeral, do anterior sistema de reserva telefónico ao on-line, estará a disposición de múltiples usuarios, en calquera parte do mundo, tanto por parte do cliente final como por parte das axencias. Así, o incremento do número de idiomas nos que se pode consultar a plataforma (oito en total) facilitan a realización da reserva sen problemas.

Trátase dun módulo funcional e operativo que permite estar conectado directamente con 1.800 operadores turísticos e cuns 18.800 puntos de venda final, dos que 7.000 son españois, 6.000 son alemáns, 4.000 son italianos e 1.800 son portugueses.

Novidades

A nova central de reservas funciona como multipasarela de pagos, en contraposición coa antiga, que carecía deste sistema. O software actual permite tamén a posibilidade de confeccionar paquetes turísticos e comercializalos a través da plataforma, así como a posibilidade de realizar vendas cruzadas doutros servizos turísticos que sexan de interese para o turista que realiza a reserva nalgún dos aloxamentos rurais dispoñibles. Ademais este novo software tamén se actualiza a medida que varían as necesidades e os mercados turísticos, polo que se espera que isto redunde nun aumento das reservas e mellore a ocupación e a desestacionalización do turismo rural.

A ferramenta permitirá obter automaticamente datos estatísticos que axudarán a coñecer a evolución do sector facilitando os traballos de planificación e contraste das políticas de promoción turística. Case 340 casas de turismo rural xa teñen implantado o software e están en fase de formación para unha posterior adhesión á central.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia