Skip to main content

Varela anuncia que as obras de acondicionamento do Camiño Francés estarán rematadas en dous meses

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, visitou a localidade lucense de Paradela onde constatou o inicio dos traballos de acondicionamento e mellora nos tramos do Camiño Francés onde a intervención é prioritaria. Acompañado pola delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, e polo alcalde da localidade, José Manuel Mato, o conselleiro comprobou o estado do Camiño Francés no lugar de Vilachá, onde os operarios están xa a traballar na reparación do firme afectado pola climatoloxía adversa do inverno. Tras a visita, Roberto Varela anunciou que as obras de acondicionamento do Camiño Francés estarán rematadas na súa totalidade nun prazo de dous meses.

Os labores de acondicionamento no Camiño Francés afectarán a 14 tramos dun total de 6 concellos: Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Sarria, Samos, Paradela e O Pino. As obras sobre o firme consistirán fundamentalmente na reposición de áridos arrastrados polos temporais así como a evacuación de augas pluviais e a restauración de muros adxacentes. A Consellería de Cultura e Turismo destinará a estes traballos un total de 280.000 euros co obxectivo, segundo o conselleiro, de “intervir de forma rápida e eficaz nos danos ocasionados no Camiño Francés polos temporais dun inverno especialmente duro”.

“Ímonos envorcar no coidado desta ruta xacobea, conscientes de que se trata da vía de peregrinación máis transitada e da nosa carta de presentación ao mundo neste Xacobeo”, afirmou. Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo destacou a importancia de ofrecer “as máximas garantías de seguridade para que os peregrinos poidan cubrir o Camiño tanto a pé, en bicicleta ou a cabalo”.

“Teremos especial coidado en que as obras que comezamos a realizar interfiran o mínimo posible na circulación de peregrinos, establecendo desvíos alternativos e seguros nos lugares onde sexa posible”, manifestou o conselleiro. “Os peregrinos son os protagonistas do Xacobeo e queremos que no momento de maior afluencia o Camiño ofreza as mellores condicións posibles”, engadiu.

50 tramos en 30 concellos

En total, a Consellería de Cultura e Turismo prevé comezar este mes de maio obras de acondicionamento e mellora en 50 tramos dos diferentes Camiños de Santiago por un importe de 2,3 millóns de euros. Os traballos afectarán en total a 30 concellos polos que discorren as Rutas Xacobeas e a previsión é que queden rematados no verán.

De forma detallada, os 5 tramos que esixen unha rápida intervención no Camiño Fisterra-Muxía localízanse nos concellos de Dumbría, Muxía e Negreira e contarán cunha inversión de 392.000 euros. No Camiño Norte contémplanse accións en 7 tramos dos concellos de Abadín, Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo e Vilalba por un importe de 298.000 euros. Respecto ao Camiño Portugués, realizarase o acondicionamento e mellora de 6 tramos pertencentes aos concellos de Barro, Mos, Pontevedra e Tui cunha inversión prevista de 275.000 euros. No Camiño Primitivo intervirase en 7 tramos dos concellos de A Fonsagrada, Palas de Rei e Toques aos que se destinarán 385.000 euros.

Do mesmo xeito, darase prioridade alta ás obras na Vía da Prata e do Camiño Inglés. Os traballos na Vía da Prata realizaranse en 5 tramos dos concellos de A Gudiña, A Mezquita, Monterrei, Piñor e A Estrada cun importe de 440.000 euros. No Camiño Inglés actuarase en 6 tramos dos concellos de Cabanas, Ordes e Santiago por 223.000 euros.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia