Presentado o libro de Francisco Singul sobre o Camiño de Santiago

A presentación, que tivo emprazo na Fundación Torrente Ballester contou coa presenza da directora cultural da Fundación, Carmen Becerra, o representante de Edicións Bolanda, Antonio Couto e o propio escritor e historiador, Francisco Singul.
O conselleiro de Cultura e Turismo describiu o volume de Singul como unha obra “significativa e de valor incalculable dentro dos estudos do fenómeno Xacobeo”. Ao fío da obra, o titular de Cultura destacou como obxectivo do Goberno galego de “aproveitar a potencialidade do Xacobeo” tocante ao “crecemento turístico, promoción cultural e impulso económico” sen esquecer a “esencia xacobea, a súa espiritualidade ecuménica e o ideal de integración europea que fixo posible”.
Respecto da autoría da obra, Roberto Varela lembrou o seu “incansable traballo de investigación e divulgación” e cualificou a Singul como “a persoa máis adecuada” para a construción deste exemplar. Na súa intervención, o conselleiro describiu ao autor, Francisco Singul, como “un dos grandes expertos internacionais sobre a materia” acreditado polas súas “numerosas publicacións, a súa participación en múltiples foros e o seu espléndido labor no Departamento expositivo da Sociedade de Xestión do Xacobeo”.
Na súa referencia ao historiador, escritor e responsable da Área de Exposicións do Xacobeo, Roberto Varela valorou a virtude de Singul respecto á “capacidade de afrontar o fenómeno xacobeo en toda a súa complexidade, cun enfoque amplo e consciente das dimensións históricas, culturais, artísticas, relixiosas e espirituais do Camiño”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia