Skip to main content

Turexpo 2009: o futuro do sector turístico galego depende da calidade da oferta

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela presidiu o acto de entrega das certificacións Q de Calidade Turística no primeiro Salón Turístico de Galicia, onde afirmou que o futuro do turismo en Galicia depende do “esforzo común a prol da diversificación e da calidade da nosa oferta”. Roberto Varela deu os seus parabéns a todos os que recolleron por primeira vez a súa certificación “Q de Calidade Turística de Galicia”, e a aqueles establecementos que renovan a súa certificación. Ao acto tamén asistiron o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo e a alcaldesa de Silleda, Ofelia Rey.

O conselleiro de Cultura e Turismo destacou que “o sector turístico galego e a propia Xunta de Galicia teñen un compromiso irrenunciable coa obtención da máxima excelencia competitiva”. Boa proba desta vontade compartida entre o tecido empresarial galego e a Administración, é o feito de que máis de 150 establecementos galegos conten xa cos certificados Q de Calidade Turística.

Roberto Varela explicou que o obxectivo estratéxico de cara ao 2010 é “a formalización deste área nunha Delegación Territorial do Sistema de Calidade Turística Española en Galicia, a fin de xuntar esforzos e optimizar os recursos dispoñibles”. De cara o futuro, o titular de Cultura e Turismo recordou que a difusión da marca Q de Calidade Turística “representa ó mesmo tempo un obxectivo prioritario para a Xunta de Galicia e unha constatación da competitividade do noso sector turístico”. “Aqueles que poden presumir con orgullo da súa letra ‘Q’ seguirán sendo no futuro os mellores embaixadores da proverbial hospitalidade da nosa terra”, apuntou Roberto Varela.

Na súa intervención, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, asegurou que coa celebración de este Salón Internacional a Fundación Semana Verde “fai o que se espera dela: identificar oportunidades de negocio para os emprendedores galegos”. Neste sentido, recordou que hai uns meses a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra realizararon unha importante achega económica á Fundación “convencidos da utilidade da mesma como instrumento para promover a dinamización económica de Galicia” e “hoxe, aquela decisión institucional revélase acertada”.

Alfonso Rueda afirmou asemade que “Galicia é un territorio con infindas oportunidades para o desenvolvemento turístico nas súas máis diversas expresións” e que confía en que esta Feira “amplíe as posibilidades do noso sector turístico e estenda, aínda máis, a atractiva imaxe de Galicia no mundo”.

A calidade como sinal de identidade

Roberto Varela afirmou que Galicia pode presumir “dunha variada oferta cultural, dunha gastronomía única, do atractivo que supón a nosa natureza, a nosa paisaxe e as nosas praias”. A piques de entrar no 2010 e comezar a celebración do ano Xacobeo, o titular de Cultura e Turismo animou ao sector hostaleiro a “seguir facendo da calidade a sinal de identidade dos nosos produtos e servizos turísticos, dos nosos aloxamentos, da atención e o servizo en Galicia”.

Roberto Varela defendeu que “unha simple ‘Q’ é hoxe sinónimo de confort, condicións e atención exquisitas”. Segundo o titular de Cultura e Turismo, “son cada vez máis os turistas que condicionan a elección do seu destino, do seu hotel ou do seu restaurante á presenza do logotipo ‘Q’.

En canto a oferta turística galega, o conselleiro de Cultura e Turismo afirmou que “está a avanzar notablemente en materia de infraestruturas e promoción, e traballa con forza no terreo da comercialización”, pero pediu a todos os sectores implicados “non baixar a garda no que respecta ó fomento da calidade, porque este é un dos elementos distintivos a nivel internacional.

Neste campo, os datos demostran que Galicia posiciónase na actualidade como unha das comunidades autónomas pioneiras no eido da calidade turística. En concreto, no referido ó turismo rural e mais ó turismo termal, a comunidade galega figura nos primeiros postos do ranking Q de Calidade Turística. O 22% dos aloxamentos rurais con este distintivo en todo o Estado son galegos, e o un de cada cinco balnearios con Q están na nosa comunidade.

Formación do sector hostaleiro

Para seguir ofertando un excelente servizo, Roberto Varela afirmou que a Consellería de Cultura e Turismo “ten moi presente a necesidade de impulsar políticas de formación globais que contribúan a mellorar as experiencias turísticas daqueles que nos visitan e a reforzar a aposta do Goberno Galego pola calidade no sector”. “Os profesionais do sector turístico constitúen a cara visible para os que se achegan a coñecernos” e “a formación dos traballadores é un elemento fundamental que debemos potenciar e dotar de recursos” engadiu.

O conselleiro incidiu na necesidade de que a administración pública galega colabore coa iniciativa empresarial, pois “o apoio institucional ao Sistema de Calidade constitúe a máis rendible das inversións posibles, porque incide na transformación cualitativa dos negocios turísticos, na evolución cara organizacións máis eficientes, e nunha maior satisfacción dos clientes, o que redunda na fidelización do destino Galicia.”

A Sociedade da Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, dispón dun área específica destinada ós empresarios do sector para a sensibilización e implementación da marca Q de Calidade Turística. De cara a mellora o seu servizo, Turgalicia está realizando cursos de formación, ofertando unha asistencia técnica e levando a cabo campañas de comunicación para dar visibilidade ós establecementos certificados.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia