Skip to main content

Santiago de Compostela acollera a II Conferencia Sectorial de Cultura en 2010

O Pleno da Conferencia Sectorial de Cultura celebrado en Sevilla acordou que Santiago de Compostela albergará a reunión deste foro interterritorial en novembro de 2010. Con este acordo, confírmase a petición realizada polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, na reunión de representantes autonómicos coa ministra de Cultura do pasado mes de xullo en Melilla.

Na súa intervención durante a Conferencia Sectorial de Sevilla, o conselleiro agradeceu o apoio á demanda realizada polo Goberno galego e solicitou a colaboración institucional do Ministerio e das Comunidades representadas para impulsar a celebración en Galicia do Ano Xacobeo e do Ano do Libro e da Lectura. Neste sentido, Roberto Varela declarou que 2010 será o “ano de Galicia, xa que a comunidade vai ser a principal referencia cultural e turística a nivel internacional”.

Asemade, o conselleiro adiantou que o Ano do Libro e da Lectura de Galicia contará cun respaldo orzamentario de 2.850.000 euros, cunha programación que inclúe proxectos de animación cultural, congresos e conmemoracións, actividades de promoción e difusión do libro, fomento da lectura e a escrita, así como iniciativas para a mellora da xestión pública do libro e as bibliotecas. Neste contexto, a celebración da segunda Conferencia Sectorial de 2010 en Santiago, tras a que se reunirá a principios de ano en Palma, contribuirá a situar a Galicia no centro do debate intelectual e da interacción cultural.

Proxectos tecnolóxicos

Na XII Reunión do Pleno da Conferencia Sectorial participaron a Ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde, e os representantes das 17 comunidades autónomas españolas para tratar temas relativos á presidencia española da Unión Europea no vindeiro ano, así como a posta en marcha de proxectos tecnolóxicos de promoción da cultura española.

Acordouse traballar na creación e habilitación de ferramentas web e novas tecnoloxías responde á necesidade de habilitar plataformas de colaboración institucional que permitan aos cidadáns acceder máis facilmente ás actividades culturais que realizan as entidades públicas e privadas, cumprindo tamén co compromiso da sociedade e das institucións de dar a coñecer o labor dos nosos creadores.

A este respecto, a Consellería de Cultura e Turismo apoiará a adhesión ao portal web España, destino cultural que integraría, neste novidoso almacén de datos, a información procedente do Ministerio de Cultura, das Comunidades Autónomas, dos Concellos e demais entidades públicas ou privadas tras a definición dos protocolos de colaboración adecuados. O proxecto, que entraría en funcionamento no segundo semestre de 2010, basearíase na creación dunha axenda cultural corporativa que permitirá a sincronización automática coas axendas das institucións relacionadas co mundo da cultura. Do mesmo xeito, contempla a implantación dun xerador de documentos á carta que posibilitará a redacción de documentos personalizados con datos do portal web a partir dos criterios propios de cada usuario: datas, temáticas do evento,... Con esta aplicación preténdese fomentar o turismo cultural, facilitando a organización de actividades e a planificación das viaxes por parte dos usuarios. Neste plan de actuacións, está prevista a edición dunha revista cultural en soporte dixital coa información das actividades culturais recollidos no portal web.

Nesta liña de colaboración, a Consellería de Cultura e Turismo analizará asemade a participación na Rede Dixital de Coleccións de Museos de España, que ten por obxectivo ampliar o acceso dos cidadáns e mellorar a difusión das coleccións destes centros mediante o desenvolvemento de actividades relacionadas coas novas tecnoloxías da información. O seu lanzamento está previsto para o comezo de 2010 e serán as Comunidades Autónomas as que decidan qué centros, públicos ou privados, se adherirán a esta Rede.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia