Skip to main content

O Xacobeo destina un millón de euros ao patrocinio de congresos en Galicia

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, adscrita á Consellería de Cultura e Turismo, publica na súa páxina web (http://blog.xacobeo.espatrocinio-de-congresos/) as bases e condicións do procedemento para o patrocinio de congresos, simposios, encontros, cursos e xornadas na Comunidade Autónoma de Galicia con motivo da celebración do Xacobeo 2010 e que estará revestido cunha partida orzamentaria de 1 millón de euros. A partir da publicación do procedemento que rexe as particularidades das solicitudes e do trámite, estas poderán ser presentadas desde mañá 3 de novembro de 2009 ata o esgotamento do crédito dispoñible que pechará a concesión de patrocinios.

Os congresos, simposios, encontros, cursos e xornadas que se desenvolvan durante o ano 2010 e opten a acadar subvención poderán proceder tanto de entidades públicas como privadas. Terán especial consideración aquelas propostas que supoñan novas aproximacións á temática xacobea e ao fenómeno das peregrinacións en calquera das súas posibles aproximacións: espiritual, cultural, relixiosa, patrimonial, mediambiental, gastronómica. Do mesmo xeito, valoraranse as solicitudes que potencien o carácter desestacionalizado e descentralizado da programación cultural do Xacobeo 2010 e aqueles congresos de alcance nacional e internacional de calquera ámbito profesional e investigador e temáticas actuais que, cunha ampla e contrastada participación, convoquen en Galicia a expertos e profesionais de recoñecido prestixio e proxección.

As solicitudes presentadas ante a Comisión de valoración creada a tal efecto deberán estar acompañadas do seu programa provisional; da campaña de promoción on line e off line asociada ao evento; información sobre publicacións previstas en relación co evento e previsión doutros soportes publicitarios; documentación sobre outros colaboradores e importe; ámbito territorial do evento; número e descripción de asistentes así como a súa traxectoria profesional e/ou investigadora dos conferenciantes e relatores e, no seu caso, a súa proxección social.

Unha comisión de valoración creada a tal efecto decidirá a cantidade a achegar por parte da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo en concepto de patrocinio, dependendo de factores como a difusión, interese ou número de participantes. A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo poderá rexeitar aquelas solicitudes que non se adecúen aos obxectivos do Xacobeo 2010.

Dereitos e obrigas

Unha vez concedida a axuda, o patrocinado deberá cumprir con varias obrigas contempladas no procedemento. O beneficiario da achega fará constar os anagramas da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo en todos os seus soportes, cun tamaño e visibilidade proporcional ao importe do patrocinio. Asemade, o patrocinado asumirá todos os gastos para a produción, instalación e mantemento de todos os soportes coa mensaxe publicitaria que en cada momento notifique a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

Cun mínimo de trinta días previos ao comezo do evento, a empresa promotora deberá presentar un informe actualizado que, no caso de conter diferenzas substanciais co primeiro, poderá repercutir nun axuste no importe da achega.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia